Os 6 mellores puntos de Carnota e Dumbría para ver o eclipse
Celebrou onte o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, varias reunións de seguidade nos concellos de Carnota, Dumbría e A Laracha e Melide, co obxectivo de coordinar o dispositivo especial previsto con motivo da eclipse de sol do vindeiro 12 de agosto, un acontecemento astronómico histórico que converterá Galicia nun dos mellores lugares do mundo para a súa observación.
Ademais de avaliar os principais desafíos, como a regulación do tráfico ou a seguridade cidadá, de cara a esta primeira cita do denominado “Trío de Eclipses 2026-2027-2028” (unha sucesión de tres fenómenos astronómicos visibles desde España que converterán o país no principal destino mundial para a súa observación durante tres anos consecutivos), a xornada tamén seriu para repasar as principais recomendacións, e os mellores lugares para gozar do acontecemento meteorolóxico.
En Carnota
O Concello de Carnota propón cinco puntos principais de observación:
- Faro de Punta Insua (Lariño), con capacidade para 2.750 persoas.
- Área de Mar de Lira, para 900 persoas.
- Área de Boca do Río (San Mamede), con capacidade para 975 persoas.
- Miradoiro de Fontevella (Caldebarcos), para 850 persoas.
- Paseo Marítimo do Pindo (O Rabecho), cunha capacidade estimada de 1.050 persoas.
Ademais, o Concello estableceu varios puntos de exclusión por motivos ambientais e de seguridade. Permanecerán restrinxidos ao tráfico rodado os accesos ao espazo natural da Berberecheira (Caldebarcos) e ao Conxunto Natural da Praia de Carnota, ambos incluídos na Rede Natura 2000, co fin de evitar afeccións ambientais e problemas de mobilidade. Tamén se prohibirá o acceso ao Monte Pindo, debido ao elevado risco de incendios forestais e á previsión dunha gran afluencia de visitantes, así como ao Miradoiro de Cabana (Miñarzo-Lira), onde se limitará o acceso rodado para evitar colapsos circulatorios.
En Dumbría
O Concello de Dumbría sinalou como principal espazo para seguir a eclipse o Miradoiro do Ézaro, cunha capacidade aproximada de 500 persoas.
Na Laracha
A Laracha propuxo tres grandes puntos de observación: a Praia e o Paseo Marítimo de Caión, o Miradoiro de Santa Marta e o Castro de Montes Claros, espazos que poderán acoller máis de 5.000 persoas cada un, polo que requirirán unha planificación específica en materia de seguridade e mobilidade.
Primeiro eclipse, despois perseidas
O fenómeno comezará arredor das 19:31 horas, alcanzará a totalidade ás 20:28 horas e finalizará ás 21:22 horas, cunha duración próxima á hora e cincuenta e un minutos. Ao producirse ao solpor, ofrecerá condicións excepcionais para a observación e a fotografía. Ademais, poucas horas despois terá lugar o máximo anual da choiva de estrelas das Perseidas, incrementando aínda máis o atractivo científico e turístico da xornada.Recomendacións para unha observación segura
Durante as xuntas lembrouse a importancia de observar a eclipse con todas as garantías de seguridade para evitar lesións oculares. As autoridades insisten en que non debe mirarse nunca directamente ao Sol sen protección homologada. É imprescindible utilizar gafas específicas para eclipses que cumpran a norma ISO 12312-2:2015, conten con marcado CE auténtico e indiquen claramente o fabricante e as instrucións de uso.
