Máis dun cento de apoios ao Manifesto en contra da Mina de Corcoesto

Máis dun cento de persoas vinculadas ao mundo da cultura, da universidade e outros colectivos sociais asinan o Manifesto de rexeitamento á mina de ouro de Corcoesto que vén de facer público a Plataforma pola Defensa de Corcoesto. I é que a loita contra a mina non para, e se a pasada semana coñeciamos á veciña Plataforma en Defensa de Cabana de Bergantiños, hoxe quedamos en Corcoesto para coñecer o sentir do seu manifesto.

Un manifesto que sinala que "a mina de ouro de Corcoesto constitúe un espolio dos recursos de Galicia que vai a ser perpetrado por unha empresa privada canadense co apoio explícito da Xunta de Galicia e das autoridades locais, que se alían abertamente coa empresa para presentaren o proxecto como estratéxico para Galicia, renunciando así ao seu papel garantista e regulador e traizoando aos seus administrados".

Un manifesto que tamén incide en que "unha actividade económica coma a minaría de ouro, que emprega o cianuro como tecnoloxía altamente contaminante para a extracción, que destrúe os montes e fragas e contamina as augas, que beneficia a uns poucos en prexuízo da maioría".

Un manifesto que critica as expectativas de emprego xeradas e que piden á Xunta que non autorice o proxecto mineiro de Corcoesto.

Xa poden ler no blog da Plataforma, o Manifesto da Plataforma pola Defensa de Corcoesto, que comeza dun xeito moi simbólico: "Un fantasma percorre as terras de Pondal, os vales de Bergantiños, as revoltas do Anllóns, o Monte Branco, Dombate... Ese fantasma ten alento de cianuro..."

Poden ollar tamén a listaxe de entidades e personalidades que apoian o Manifesto, entre as que xa están xentes da zona como Miguel Mato, Miro Villar, Paco Souto, X. H. Rivadulla Corcón, Juan Creus... e que esperemos se vaian adherindo moitos máis.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte