Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Denuncian as falsas expectativas de emprego da mina de ouro de Corcoesto

Denuncian as falsas expectativas de emprego da mina de ouro de Corcoesto

Xa está en loita a recentemente creada Plataforma en Defensa de Corcoesto. Unha Plataforma creada a raíz do novo proxecto mineiro nos montes cabaneses, xa en marcha, para a extracción de ouro.

Nesta ocasión, dende a Plataforma quere facernos chegar as súas críticas ante un dos alicerces fundamentais nos que se basea a defensa desta clase de proxectos, e do proxecto mineiro concreto en Corcoesto: "a promesa da creación de emprego local".
É un dos argumentos mellor exprimidos para esta clase de proxectos empresariais, como xa dábamos conta coas piscifacotorías, facendo unha reflexión sobre o poder das palabras máxicas: "creación de emprego".

Para a Plataforma as cifras que baralla a empresa Canadense Edgewater (agora chamada Mineira de Corcoesto) e que están prantexando aos veciños, "só crean falsas expectativas de emprego locais". I é que segundo sinalan "non se axeitan á cualificación profesional dispoñible entre a veciñanza dos Concellos afectados (Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco). É dicir, non supón unha creación real de postos de traballo locais.

A empresa fala de 271 empregos que se van crear, pero tras estudar o proxecto sometido a exposición pública, destacan que "soamente uns 20 son susceptibles de ser ocupados por parados do Concello de Cabana e limítrofes".
I é que "o resto dos empregos previstos están destinados a enxeñeiros de minas, topógrafos, xeólogos, técnicos de seguridade e medio ambiente". A meirande parte destes e dos técnicos de medio ambiente, técnicos de prevención de riscos laborais e de seguridade e saúde laboral, ou persoal do departamento financeiro e recursos humanos... serán traballadores da propia empresa, e para os veciños quedarían "3 ou 4 postos de recepción e limpeza".

Así con todos os sectores da mina, como na dirección, operarios de máquinas, condutores, enxeñeiros en voladuras... moitos números pero poucos veciños coa preparación específica para a ocupación deses empregos.

Visita da USC

Cada domingo, entre as 11:00h e as 13:00h, a Plataforma artella xuntanzas veciñais informativas no Local Social de Corcoesto. Na xornada desta pasada semana recibiron unha visita especial, a de Xoán Doldán, Profesor de Economía Aplicada na USC, orixinario desta comarca.

Segundo sinalan dende a Plataforma, a visita serviu para romper moitos tópicos sobre a creación de emprego. Un clásico nesta clase de promesas é o comer un e contar 20, que dirían en clave de parchís. I é que ao parecer é legal asegurar que "se eu contrato a 3 persoas durante 3 mes para realizar un traballo, outras 3 durante 4 meses, e outras 3 durante 5 meses... podo dicir que estou creando 9 postos de traballo para un ano".

Foron moitos os veciños que se achegaron poll Local Social, e moitos os que non querían escoitar. Pero as verbas de Doldán eran claras: "as promesas de creación de emprego son ficticias".

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios