Xoves. 30.05.2024
El tiempo

Unha mexilloada, un concerto e moito máis para o Festigual de Íntegro

Presentacion do Festigual de integro
Presentación do Festigual
Unha mexilloada, un concerto e moito máis para o Festigual de Íntegro

A asociación Íntegro vén de celebrar na casa do concello de Cabana de Bergantiños a presentación oficial da 2ª edición do FestIgual, diversamente iguais, unha xornada de convivencia lúdico-festiva, organizada pola entidade con sede en Nantón en colaboración coa empresa de economía social Máis Porvir Xestión Social e o consistorio cabanés.

Tras o éxito acadado o ano pasado, Íntegro volve apostar pola procura de espazos de encontro coa cidadanía poñendo o foco de atención na diversidade como valor dunha sociedade que traballa pola plena inclusión e a igualdade de oportunidades para todos e todas.

A música tradicional, a artesanía, os obradoiros e os xogos para a cativada volven ser os protagonistas desta nova edición, á que se suman dúas importantes novidades: unha velada nocturna amenizada polo grupo Versión Imposible e unha gran mexillonada que poderán degustar todos os/as asistentes a esta gran festa interxeracional, que terá lugar o 1 de xuño, a partir das 12.00 horas, en Nantón (Cabana).

Esta iniciativa, que contará de novo coa participación de artesáns, produtores locais e diversas entidades da contorna, pretende, un ano máis, converterse nunha xuntanza popular “unindo persoas, sen etiquetas nin apelidos, nunha gran festa para celebrar a diversidade e a pluralidade como elementos enriquecedores dunha sociedade”, apuntou o presidente Adolfo López Baña.

Por iso, desde a organización convídase a todos os veciños e veciñas da contorna e de fóra a participar nesta xornada, de acceso libre e totalmente de balde.

Programa

  • Música
    12.00h. Pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional O Son do Castro
    13.30h. Sesión vermú estendida co Trío Karma
    16.30h. Discomóbil FABRIK (DJ CHAFU)
    21.30h. Concerto Versión Imposible
  • Mexillonada: Ao mediodía, Gran Mexillonada e ración variadas. E pola noite, degustación dos mellores petiscos ao ritmo da música. Venda anticipada de tickets no 981 734 985/ 650 961 649, a través del correo electrónico [email protected]  e nas propias instalacións. Pre-venda promocional (bebida + ración mexillóns + pan + petisco a elixir + larpeira= 10€) do 29 de abril ao 17 de maio, ambos inclusive.
  • Animación infantil: 16.00h-20.00h. Inchables, xogos e pintacaras para a cativada
  • Artesanía: 13.00h-20.30h. Postos de artesanía e produtos ecolóxicos. Participarán produtores locais e entidades sociais da Costa da Morte.

Comentarios