Mércores. 19.01.2022
El tiempo

20 persoas de Camariñas, Vimianzo e Muxía arrincan a súa formación no Obradoiro de emprego ‘Construíndo futuro’

Construíndo Futuro en Camarinas
20 persoas de Camariñas, Vimianzo e Muxía arrincan a súa formación no Obradoiro de emprego ‘Construíndo futuro’

En marcha un novo Obradoiro de Emprego compartido entre os concellos de Camariñas, Vimianzo e Muxía. O Museo do Encaixe de Camariñas acolleu onte a presentación deste terceiro Obradoiro mixto compartido entre os tres concellos, que formará, mentres ofrecen un servizo e cobran un soldo, a 20 persoas en dúas modalidades: ‘Conservación e mellora de montes’ e ‘Pavimentos e albanelería de urbanización’.

De aquí a finais de xullo de 2022, desenvolverán actividades tales como os mantementos no monte Covadiña de Camariñas; e mellora de zonas axardinadas de Quintáns, Viseo e Caberta, en Muxía; a actuación forestal e de xardinaría no polígono industrial de Vimianzo, así como no campo da festa de Bamiro, na parcela Insua e na área recreativa do Val; o acondicionamento da praza Insuela, en Camariñas; ou as actuacións de albanelería de urbanización na sala de máquinas da piscina municipal de Vimianzo.

Obradoiro Emprego CamariñasCamariñas

Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas, cualificou este día como “histórico porque rubricamos o terceiro obradoiro de emprego conxunto en menos de dous anos, todo un fito para a Costa da Morte en xeral e para Camariñas, Vimianzo e Muxía en particular” e amosou a súa intención de “seguir traballando para facer realidade experiencias como á que hoxe lle damos a benvida porque temos a obriga e estamos comprometidas coa inserción laboral na nosa sociedade”.

A rexedora vimiancesa Mónica Rodríguez dirixiuse ao alumnado e explicou que “agardamos que sexa o paso previo para formar parte do mundo laboral que vos servirá para desenvolvervos en todos os ámbitos da vosa personalidade” e desexoulles “a mellor das sortes, que a partir de pequeniños pasiños poidades achegarvos un pouquiño máis á meta”.

Pola súa parte, o delegado da Xunta Gonzalo Trenor, salientou “o esforzo importante que están a facer as administracións neste sentido” e animou aos participantes “a sacarlle o máximo rendemento aos 9 meses de formación que agora empezades xa que o obxectivo do obradoiro é mellorar a vosa empregabilidade coa finalidade de que atopedes un posto de traballo cando finalicedes”.

comentarios