Sábado. 07.09.2024
El tiempo

Adxudicadas as obras da dragaxe do porto de Camelle

conselleiro dragado Camelle 6
Adxudicadas as obras da dragaxe do porto de Camelle

A recuperacion de calado no peirao de Camelle é unha prioridade para a flota pesqueira. Por iso levan anos pedindo a dragaxe da zona do porto, unha obra que vén de adxudicar a Xunta de Galicia como comunicou esta mañá o conselleiro do Mar, Alfonso Villares nunha visita á zona acompañado polo presidente de Portos, José Antonio Álvarez.

O orzamento de adxudicación dos traballos é de 158.000 euros, e consistirán na extracción dos áridos do fondo mariño para a recuperación de calado ata a cota -2. Actuarase nunha superfície de 7.500 metros cadrados fronte á liña de atraque do peirao para mellorar as condicións de operatividade do porto e as zonas de manobra dos buques. En concreto, na zona de atracada dragarase area entre as cotas -1 e -2 debido á existencia de rocha, mentres que no resto da zona portuaria a retirada de áridos acadará a cota -2.

O material que se extraerá é compatible coas características dos áridos da praia de Camelle polo que se aportará a dito areal. Para elo empregaranse dous procedementos de dragaxe en función das zonas. Na zona máis próxima ao peirao e a rampla de varada, a maquinaria de extración cargará o material en camión para posteriormente depositalo na praia, mentres que no resto da dársena o material extraerase por succión e será impulsado directamente sobre o areal nas zonas indicadas.

O inicio da obra será ata finalizar o verán para evitar que a maquinaria de extracción e depósito dos áridos interfira cos bañistas na praia de Camelle. Unha vez iniciados os traballos, o prazo de execución previsto é de 3 meses.

Comentarios