Marcial Mouzo será recoñecido como fillo predilecto de Camariñas
O Concello de Camariñas anunciou hoxe que o vindeiro 15 de xullo celebrarase o acto oficial no que se nomeará a Marcial Mouzo como Fillo Predilecto da vila. Con este recoñecemento, a corporación municipal quere render homenaxe a un dos camariñáns máis ilustres e queridos, cuxa voz acompañou a milleiros de galegos e galegas durante décadas.
Marcial Mouzo Vidal, que vén de xubilarse neste mesmo mes de febreiro, pecha unha brillante etapa profesional tras 41 anos de traxectoria na Radio Galega. Dende o ano 1996 estivo á fronte de 'Pensando en ti', o programa líder das madrugadas en Galicia, que el mesmo axudou a converter nun auténtico fenómeno social e nunha gran familia para os seus oíntes.
Durante máis de catro décadas, Marcial Mouzo foi moito máis que un locutor; foi a luz e a compañía de panadeiros, transportistas, mariñeiros, xente da diáspora e tantas persoas que atoparon no seu espazo radiofónico un lugar de escoita activa, diálogo e agarimo nas horas máis silenciosas do día. Malia traballar dende os estudios de Santiago de Compostela, Marcial sempre levou a Camariñas por bandeira, exercendo de embaixador da nosa terra e da nosa lingua en cada recuncho onde chegaban as ondas da radio.