O BNG pregunta no Parlamento polas eternas obras da estrada Laxe-Ponte do Porto


Segue en obras a estrada Laxe-Ponte do Porto (AC-433). Obras eternas que non dan rematado. Así, o BNG laxense presentou no parlamento galego unha batería de iniciativas para preguntar polo estado de execución das obras da vía.
O BNG sinala que xa o 14/04/2010 a páxina oficial da Xunta de Galiza publicaba unha nova segundo a cal investía 14 millóns de euros nas obras das estradas A Coruña-Cee e Laxe-Ponte do Porto. Pero un ano despois de aquel anuncio, a veciñanza de Laxe comproba que as obras avanzaron no treito da estrada que discorre por Vimianzo, pero que dende o inicio do termo municipal de Laxe a estrada segue no seu estado anterior, sen que a Xunta dese explicación ningunha.
Por iso, o BNG pregunta ao goberno galego por que razón as obras de mellora da AC-433 se paralizaron no inicio do termo municipal de Laxe e cando prevé a Xunta retomar estas obras e estender tamén ao treito que discorre por Laxe as obras de mellora da AC-433.
O BNG de Laxe quere con estas iniciativas demandar a máis pronta execución das obras de mellora desta vía, e ademais reclamar que a obra se faga nas condicións debidas, dando á vía o ancho suficiente, sobre todo nos tramos que percorren a carón dos Penedos, onde as obras semella que non se axustan ao proxecto inicial.
Máis información
Fonte
- Nota de prensa de Xosé Manuel Pose, Candidato do BNG á alcaldía de Laxe.