O Obradoiro de emprego continúa acondicionando espazos en Camariñas, Muxía e Vimianzo
Os 20 alumn@s avanzan avanzan na aprendizaxe do sector forestal e da construción, para obter en breve os certificados de profesionalidade de “Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes” e “Pavimentos e Albanelería de Urbanización”.
O alumnado de albanelería traballa en Camariñas, facendo prácticas de desbroce e desmonte de terreo, elaboración de formigón armado para a realización dunha soleira, colocación de pedra do país tipo Santiago e encintado da mesma.
Tamén procedeuse ao levantamento dunha tapa de saneamento para deixala á mesma altura que o terreo, construción dunha soleira para a colocación de colectores do lixo e colocación de mobiliario e elementos complementarios de pavimentos de urbanización.
Pero a súa acción máis vistosa é o novo miradoiro no Barrio de Corea. Cando rematen, irán á a escola de Subeiro, no Pavillón de Baíñas e no Ximnasio Municipal de Vimianzo.
Paralelamente, o alumnado da especialidade de montes acompañou o traballo desenvolvido polo grupo de albanelería, retirando o exceso de terra vexetal soterrada baixo a praza da Insuela e trasladándoa á zona do miradoiro do barrio de Corea. Tamén fixeron unha limpeza exhaustiva na zona do Cotro e na Praia da Area da Vila.
Tamén lles tocou traballar nos lugares muxiáns de Quintáns, Viseo e Caberta. No parque de Viseo fixeron labores de acondicionamento da súa zona verde e na escola de Caberta levaron a cabo o mantemento do seu perímetro. En Quintáns fixeron sega e desbroce de parterres e xardíns…
Finalmente, en Vimianzo os traballos centráronse na limpeza exhaustiva e acondicionamento do Parque empresarial, así como o repaso das actuacións feitas con anterioridade nos lugares de Padreiro, Grixoa e Castrelo. Tamén estase planificando e organizando as próximas actuacións noutras localizacións do municipio.