A Olería de Buño volverá lucir na Mostra do Encaixe de Camariñas
A olería de Buño locerá de novo na pasarela Deputación da Coruña nunha trixésimo quinta Mostra do Encaixe de Camariñas que contará coa presenza de Feituras, O Rulo, Alfarería la Cacharrera e Risco Estudio, nos desfiles da categoría de ArtEncaixe, combinando o Encaixe de Camariñas coas pezas de barro destas catro oleiras e oleiros.
“Un ano máis valoramos moito que conten con nós, xa que é un orgullo e un reto participar na Mostra do Encaixe de Camariñas, no ArtEncaixe, un reto maiúsculo posto que as pezas son feitas en exclusiva para o desfile, como xa se puido ver en edicións anteriores”, comenta María Canedo, de Feituras (o mesmo obradoiro que fai os balóns da Gala do Fútbol da Costa), quen afirma que “existen estilos moi diferentes, todas e todos mantemos as formas e pezas tradicionais pero somos conscientes de que hai que avanzar cos tempos, innovar e iso é bo, buscar novas decoracións e continuar sen perder a nosa esencia”.
Canedo asegura que “o máis tradicional non está pelexado coa vangarda, e participar neste desfile permítenos dar a coñecer á xente que se achega a Camariñas os diferentes estilos que podes atopar en Buño, á vez que tamén é unha porta aberta para amosar a fermosa convivencia de dúas artesanías tan distintas como son a cerámica e o Encaixe.”
O público que se achegue á XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará no pavillón Victor Vigo do 1 ao 5 de abril, poderá desfrutar destas pezas nos desfiles de ArtEncaixe, que terán lugar na pasarela Deputación d Coruña nos seguintes días e horarios:
- Xoves 2 de abril ás 12:45 (grupo A) e ás 18:00 horas (grupo B).
- Venres 3 de abril ás 12:45 (grupo B) e ás 16:45 horas (grupo A).
- Sábado 4 de abril ás 12:30 (grupo A) e ás 18:00 horas (grupo B).
A veterana Ana Cabranes e o debutante Xoaquín Ruiz na pasarela de Grandes Deseñadores
A pasarela de Grandes Deseñadores da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña acollerá nesta edición dúas propostas que, aínda que nacen de traxectorias vitais e profesionais moi diferentes, atopan un nexo común na pureza da cor branca, na elegancia e no respecto absoluto polo traballo das palilleiras. Son as coleccións da consagrada deseñadora Ana Cabranes e do talento emerxente Xoaquín Ruiz.