mércores. 11.03.2026
El tiempo

Primeiro avance do programa da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas

Cartel da Mostra do Encaixe de Camarinas 2026
Cartel da Mostra do Encaixe de Camariñas 2026
Primeiro avance do programa da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas

O Concello de Camariñas deu a coñecer hoxe un avance do programa da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará do mércores 1 ao domingo 5 de abril e que co lema ‘Onde o fío se converte en arte’ busca destacar ao municipio como punto onde late con máis forza o corazón da artesanía en Galicia. 

Esta intención xa quedou plasmada no cartel promocional, deseñado polos irmáns Pedro e Estefanía Orgaz, últimos gañadores do concurso de Noveis Deseñadores da Mostra. A peza representa o mapa de Galicia tecido con encaixe de Camariñas, usando as cores da nosa bandeira para darlle aínda máis sentido á idea. 

Unha das principais novidades desta edición é a celebración dun pleno extraordinario da corporación municipal no propio recinto da Mostra. Será o mércores 1 de abril ás 15:15 horas, antes da inauguración oficial, e servirá para ratificar o cambio de nome da Avenida Ambrosio Feijoo por Avenida das Palilleiras.

Os desfiles desta trixésimo terceira edición serán protagonistas, coma sempre, con varias citas: Grandes Deseñadores, algúns xa consolidados e outras novidades; Noveis Deseñadores; artesáns do Artencaixe ‘ArtEncaixe’; as Delegacións Internacionais; o PequeEncaixe, e as Encaixeiras Sénior. 

Pero tamén haberá música, presentacións, degustacións, demostracións en vivo...

Programa

A apertura da trixésimo quinta edición da Mostra terá lugar o mércores 1 de abril ás 15 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 16:30 horas. Logo, a partir das 18 horas, comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do ‘PequEncaixe’ serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e seguidamente os Grandes Deseñadores. Entre medias, amenizará a pasarela unha actuación de Luar na Lubre. 

Durante os cinco días as firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’, que se irán desvelando nos próximos días, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. 

O desfile de ‘ArtEncaixe’, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves, 2 de abril, a partir das 12:45 horas. Os artesáns, que tamén se irán coñecendo nos próximos días, chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. 

Ese mesmo xoves, 2 de abril, tamén debutarán as persoas participantes no XXXII Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 34 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. O venres 3 ás 20:40 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 5, a partir das 16:30, horas darase a coñecer o fallo do xurado. 

Outra das novidades desta edición será o espectáculo de costura en directo co deseñador andaluz José Perea. Poderá verse o xoves, 2 de abril, a partir das 12:45 horas no bloque de desfiles da mañá e o mediático José Perea, que participa por primeira vez na pasarela de Grandes Deseñadores, amosará a súa técnica para confeccionar traxes en directo en tempo récord.

Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O xoves 2 ás 18:00 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o venres 3 ás 16:45 horas e o sábado 4 ás 18:00 horas. 

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. Serán o mércores 1 ás 18 horas, o xoves 2 ás 12:45 horas, o sábado 4 ás 12:30 horas e o domingo 5 no acto de clausura a partir das 19 horas.

O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 20 ás 19:00 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano. 

Luar na Lubre, Antía Muíño, Sebastián Allones Dans, Marta Doviro, Carmen Méndez, Ledicia Sola e outras accións destacadas da programación

Este ano os asistentes poderán gozar da música de Luar na Lubre (o mércores 1 ás 18:00 horas horas durante o desfile inaugural da Mostra); do concerto do mozo de Camelle, Sebastián Martínez Dans, gañador do concurso de talentos ‘Da rúa á lúa’ do programa da TVG ‘Quen anda aí’ (o sábado 4 ás 12:30 horas) ou da actuación de ‘Fíos de Salitre’ de Mascarada O Cansorriño (domingo 5 ás 19 horas). O concerto de clausura da Mostra (domingo 5 ás 19:30 horas) correrá a cargo de Antía Muíño. 

Ademais, continuando coa tradición dos últimos anos, poderán rirse a esgalla con Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola e o seu monólogo ‘Sen Restricións’ que terá lugar o sábado, 4 de abril, ás 20:30 horas na propia pasarela. O xoves 2 de abril, ás 20:30 horas haberá unha representación teatral a cargo da compañía Aantena titulada ‘Fíos da Memoria’. Ademais o venres, 3 de abril, ás 20:30 horas, a compañía, as risas están garantidas co monólogo da compañía de Camelle ‘Mortos de risa’.

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Golpe de Mar, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o IX Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica San Roque de Vigo, a Coral San Salvador de Pazos de Ponteceso e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 20 ás 12:15 horas).

Aproveitarase o evento para a presentación de libros e publicacións como ‘Punto de araña’ de Nerea Pallares (xoves 2 ás 12 horas); ‘A princesa dourada’ de Anxo Mouzo (xoves 2 ás 12:20 horas); ‘Ángeles acusadores’ de Diego Garrote (venres 3 ás 12:00 horas); ‘Ardentía 1854’ de María D.López-Menéndez Sánchez (venres 3 ás 12:20 horas); ‘1898 – El padre ausente’, a última parte da triloxía de ‘El Cementerio de los Ingleses’ de Alfonso de Sas (sábado 4 ás 11:40 horas); e a presentación de ‘A Costa da Morte, naturalmente única’ de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández que correrá a cargo de Pepe Formoso (sábado 4 ás 12:00 horas).

O acto de clausura da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 5 de abril ás 19:00 horas.

‘Gourmet entre encaixes’

O Concello repetirá este ano na XXXV Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña o ‘Gourmet entre encaixes’, un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar postos de venta ao público.

Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público asistente á Mostra poida degustar alí mesmo os produtos que merque.

Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polvo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (o venres 3 de abril ás 19:30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado 4 de abril ás 14 horas).

Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.

Máis novas

Comentarios