Sábado. 20.04.2024
El tiempo

“Serpent”, a cervexa artesá da Ponte do Porto que se presenta na Mostra

César de León presenta a súa cervexa artesanal na Mostra
Cervexa artesanal Serpent Galicia
“Serpent”, a cervexa artesá da Ponte do Porto que se presenta na Mostra

Natural de Dor e criado en Xaviña, César de León vai presentar na súa casa o seu novo proxecto. E non é outro que cervexa artesanal ‘Serpent’, que será presentada na XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas. A presentación será o xoves 14 de abril ás 18:30 horas na zona de cafetería pero poderá desgustarse calquera día no bar da Mostra.

Falamos dun “produto gourmet” e que o seu obxectivo “non é vender volume, é vender calidade”. Xa leva en marcha dende 2020, “pero, por temas económicos, non puiden sacala adiante ata o 2021, ano no que comezamos a montar a fábrica cervexeira nunha nave do polígono de Carballo, para no mes de novembro iniciar a fabricación”, conta César de León.

Cesar de Leon coa Cervexa Serpent
César de León e familia coas responsables municipais

Polo momento, a marca conta con tres tipos de cervexas ‘Serpent’: “unha lager, a típica cervexa que bebe todo o mundo; unha pale lager, moi similar á lager pero cambian as maltas; e unha franciscana, que é unha ipa con bastantes notas florais e sabor a lúpulo”. Ademais, avanza que “queremos sacar en breve unha tostada e unha sen glute”.

A súa idea de futuro é “trasladar a cervexeira a Camariñas”. O que non cambiará é a esencia do proxecto xa que “o meu obxectivo non é facer unha gran distribución, a miña cervexa está deseñada para ser un produto gourmet, non quero vender volume, quero vender calidade”.

A día de hoxe calquera persoa pode atopar a cervexa ‘Serpent’ en: Camariñas, no restaurante O Bico, no Club Náutico de Camariñas, no Marina, no bar Ariño, no restaurante O Rojo; en Vimianzo, en Carballo, no faro de Finisterre ou no faro de Carnota.

Comentarios