A ONCE e Carballo unen forzas para mellorar a accesibilidade
08:07 20/07/18
Representantes da ONCE e do goberno municipal de Carballo mantiveron onte unha xuntanza para avanzar nas melloras
A mellora da mobilidade das persoas con discapacidades visuais foi o eixo da xuntanza que mantiveron onte Carlos Fernández Lamigueiro, Dolores Venancio e José Buño, en representación da ONCE, con Evencio Ferrero, Milagros Lantes e Luis Lamas, por parte do concello. “En Carballo sempre nos sentimos moi queridos, a xente é moi receptiva aos nosos produtos e ademais temos unha boa relación”, sinalou o presidente de ONCE Galicia, Fernández Lamigueiro. O obxectivo agora é que esa boa relación se plasme tamén nas actuacións urbanísticas que poden influír na calidade de vida das persoas invidentes ou con algunha discapacidade visual.
Nese sentido, a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, informou aos representantes da organización dalgúns dos proxectos en marcha, como a elaboración da estratexia de xestión do espazo público ou as ordenanzas de tráfico e terrazas. Tanto nestes casos coma en actuacións concretas de reurbanización de rúas ou de eliminación de barreiras, o concello de Carballo terá en conta as indicacións técnicas da ONCE. Os membros da organización aludiron, por exemplo, á necesidade de regular a altura dos sinais de tráfico ou a colocación de toldos, así coma a eliminación dos pivotes laterais de rúas semipeonís coma Saúde ou A Lagoa, xa que este tipo de elementos poden chegar a ser perigosos no día a día dunha persoa invidente.
Nesa mesma liña, un dos proxectos que ten en marcha o concello de Carballo é a instalación de sinais acústicas en semáforos. Desde a ONCE aconséllase a implantación dun sistema de activación individual a través dun mando ou unha aplicación no
teléfono móbil, xa que o número potencial de usuarios/as é reducido, e ademais deste xeito evitaríanse molestias á veciñanza.
Despois da xuntanza, Milagros Lantes acompañou aos representantes da ONCE nun percorrido urbano que incluíu as beirarrúas nas que se está a traballar na eliminación de barreiras para mellorar a accesibilidade nos camiños escolares, xa que o goberno municipal quere seguir actuando no resto das rutas peonís de acceso aos colexios e a outros edificios públicos. Desde a organización valorouse moi positivamente a sensibilidade do Concello de Carballo nesta cuestión.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo