Abre o prazo para o novo Curso de Fotografía en Carballo

Xa está aberto o prazo para o novo curso de fotografía do Concello de Carballo incluído no programa A través da lente, que pretende poñer en relación diversas accións de fomento e difusión do mundo da imaxe e do audiovisual. Titulado Na procura do estilo fotográfico, trátase dun encontro para amantes da fotografía e da imaxe que está dirixido a afeccionados á fotografía e ás artes plásticas, teñan ou non coñecementos básicos do tema. Ángel Cordero Gómez, ex profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña, é o encargado de impartir este curso que ofrece unha reflexión sobre como nos representan as nosas fotografías e como queremos que nos representen. Ao longo das sesións, as e os asistentes, que non precisan ter cámara propia, reflexionarán sobre as ideas e estratexias para adquirir un estilo propio.
O curso impartirase repartido en tres citas os mércores 12 e 26 de marzo e 9 de abril en horario de 19.30 a 21.00 horas. Desenvolverase no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura. A inscrición é de balde, previa solicitude no enderezo electrónico <[email protected]> indicando nome e apelidos, enderezo, teléfono e correo electrónico. O prazo de solicitude está aberto até o 7 de marzo e hai 30 prazas dispoñibles. A admisión realizarase por orde de inscrición tendo preferencia os e as participantes en calquera das últimas cinco edicións do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. O 10 de marzo confirmaráselle aos solicitantes se están ou non admitidos a través dun correo electrónico.