Accións formativas para os postos do Mercado
Interesante proposta formativa do Concello de Carballo en clave de emprendemento. Do 11 ao 30 de outubro desenvolverase o programa “Mercado en formación”, unha iniciativa da Concellaría de Feiras e Mercados, que dirixe Ramón Varela, coa que pretenden mellorar a competitividade das empresas situadas no mercado municipal de abastos e seguir traballando na súa promoción. O proxecto, que conta co apoio da Consellería de Economía, Industria e Innovación, abrirase a outros establecementos de comercialización de produtos de proximidade e hostalaría sempre que queden prazas libres.
Para dar a coñecer a iniciativa, o día 3 de outubro, ás 17.30 horas, celebrarán un acto aberto no propio mercado. A partir dese momento abrirase un prazo de inscrición, ata o día 11, para todos os empresarios interesados, que deberán dirixirse á xerencia da praza de abastos.