Martes. 16.04.2024
El tiempo

Avanzan as obras de abastecemento de auga do litoral carballés

Coa posta en marcha do servizo de socorrismo, abriuse a tempada de praias en Carballo
10062021 abastecemento_lema (1)
Avanzan as obras de abastecemento de auga do litoral carballés

Continúa o proxecto do Concello de Carballo de garantir neste mandato o subministro de auga a toda a zona costeira. E así se comproba co ritmo que avanzan as obras de extensión da rede de abastecemento de auga dende Razo ata Lema. Neste punto comezou a traballar a empresa adxudicataria, a carballesa Vázquez y Reino, a mediados de abril, e estes días xa están traballando na zona de Cambre.

Son obras incluídas no POS+Adicional 2019, a través das cales se construirá a canalización principal ata Razo, así coma un ramal cara a praia e as conexións ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira, O Igrexario e Castrillón.
A mesma empresa executará tamén o proxecto das redes de abastecemento e saneamento dos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e Outeiro (Lema), que se financia con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais do ano 2019 cunha partida de 416.971,86 euros, e que foi adxudicado por 375.953,74 euros.

Con cargo ao programa POS+ deste ano tamén se levará a cabo a rede de abastecemento á Pedra do Sal, que suporá un investimento de máis de 3,2 millóns de euros. Este proxecto sairá a licitación tan pronto como a Deputación Provincial da Coruña dea luz verde, algo que está previsto que suceda a principios do verán.

Praias

Este xoves 10 de xuño entrou en servizo o equipo de salvamento nas praias, integrado por 32 socorristas que velarán pola seguridade dos usuarios e usuarias dos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal durante os próximos tres meses. Co inicio da temporada alta do servizo de limpeza xa o día 1 e a posta a punto dos distintos espazos de uso público, nestes primeiros días quedará todo listo para que poidamos gozar do bo tempo á beira do mar.

Este verán volverá a ondear a Bandeira Azul nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo. Ademais, as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria final do 2020 remitida pola Consellería de Sanidade.

Comentarios