mércores. 24.09.2025
El tiempo

‘Berenguela na gaiola’, a obra feita no FIOT que estrea o FIOT

Berenguele na Gaiola FIOT 34 presentacion 24-92002© Vanessa Rabade_
Presentación de Berenguela da Gaiola no FIOT- Foto: Vanessa Rabade
‘Berenguela na gaiola’, a obra feita no FIOT que estrea o FIOT

A aposta polo talento teatral en galego demóstrase con feitos, e a estrea absoluta de ‘Berenguela na gaiola’, de Galeatro, Xarope Tulú e Paula Carballeira, é un perfecto exemplo de como o FIOT, non só expón, senón que propón a creación artística no país. 

Este sábado 27 de setembro, ás 18.30 horas, o Pazo da Cultura de Carballo acolle no marco do FIOTiño a estrea mundial deste novo espectáculo para público familiar, que revisita un dos textos máis representados de Manuel María da man de grandes artistas da escena galega.

Pero a finde ven cargada na 34ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro que tamén toma as rúas e prazas de Carballo a golpe de clown, equilibrios e música en directo, para inaugurar o seu Teatro de Rúa cunha dobre proposta que combina o risco e a calidade técnica do circo tradicional coa expresividade máis contemporánea, coas exquisitas funcións de Pausa, dos vascos CÍA niMú, en colaboración con Camiño Escena Norte, e Back to Classics, dos cataláns Planeta Trampolí.

A narración oral e o mellor humor botan tamén a andar na tradicional Rúa dos Contos, que ven completa neste inicio do FIOT, con sete primeras propostas a golpe de contos, versos, acordes, maxia e moitas risas: Rogelio, de asSircópatas, e A xira do cuarto século. Aventura 2012, de Pepo Suevos, o xoves 25; Feitizo, de Álex Louzao, e Da vara e máis da besta, de Lois Pérez, o venres 26; Contadiña, de Marita Martínez, e Atroz, de Darío Mares, o sábado 27; e Dous ollos de vidro, de Quico Cadaval e Celso Sanmartín, no Mercado Municipal o domingo 28.

PRESENTACIÓN DA ESREA ABSOLUTA DE ‘BERENGUELA NA GAIOLA’ PARA ABRIR O FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, presentou esta mañá en rolda de prensa o espectáculo Berenguela na gaiola, das compañías Galeatro –que neste 2025 celebra o seu décimo aniversario– e Xarope Tulú. A peza é unha coprodución do FIOT, o Centro Dramático Galego e a Casa-Museo Manuel María. No acto, que tivo lugar ás 11.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, contou coa participación dos equipos artísticos de ambas compañías, así como do director do FIOT, Alberto Sueiro; a concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; e o presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede.

O FIOT acollerá o sábado 27 de setembro, ás 18.30 horas, no Pazo da Cultura, a estrea absoluta de Berenguela na gaiola no marco do FIOTiño. Berenguela vive nunha residencia, pero quere volver á súa casa da aldea. Alí coñece a Aurora, que ten unha imaxinación sen límites, e a Tomás, sempre calado e pensativo. Berenguela propón unha revolta e volverse salvaxes e perigosas, pero Aurora suxire que fagan no teatro o que non lles deixan facer na realidade: ser libre e cambiar o mundo, ou, polo menos, o seu mundo.Os tres anciáns escollerán para representar a obra de Manuel María Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, onde cadaquén escolle o personaxe que quere representar.

A compañía carballesa Galeatro e Xarope Tulú alíanse neste proxecto que gañou a cuarta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e para o que contan coa dramaturga e directora Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática. Ambas compañías están comprometidas con linguaxes escénicas diversas dirixidas á infancia e tamén coa narración e o teatro de obxectos. O FIOT colabora coa creación como coprodutor, xunto á Casa-Museo Manuel María e ao Centro Dramático Galego.

Berenguela (c) Sol Álvarez
Actores caracterizados para Berenguela na gaiola. Foto: Sol Álvarez

Na rolda de prensa, a concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez, quixo destacar que “é unha honra para Carballo acoller a posta de largo da nova creación dunha compañía carballesa tan querida como Galeatro, que neste 2025 celebra o seu décimo aniversario, en tándem con outra admirada artista polo público de Carballo, a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira”. “Ademais da estrea, a colaboración con Galeatro supón a realización de dúas funcións dirixidas a escolares dos centros de Educación Primaria de Carballo, na preestrea da obra, que terán lugar este venres 26 de setembro”, destacou, tamén, a concelleira.

Pola súa banda, a dramaturga Paula Carballeira –tamén Xograresa de Outono do FIOT–, apuntou que “á hora de plantexar o texto, buscou que os nenos e as nenas se sentisen identificados co que estaba a acontecer na escena, coa posta en valor dun dos textos máis queridos e representados de Manuel María, que hoxe lles interpele”. Mentres, a compañía carballesa Galeatro indicou que “é un pracer traballar en casa e ter a oportunidade de montar e poñer en valor pezas para público infantil e xuvenil de mediano e gran formato, non tan habituais no noso circuito teatral, cunha aposta pola calidade e o oficio para todas as audiencias”. Sobre o galadón Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, Xarope Tulú agradeceu que “o premio ten sentido porque permite que os espectáculos roden, garantindo 40 representacións da peza, e isto é un luxo para nós”.

Pola súa banda, o director do FIOT, Alberto Sueiro, salientou que “a coprodución desta peza enmárcase na liña de apoio do festival ao tecido escénico galego e o fomento da creación teatral por parte do FIOT. Deste xeito, a compañía realizou unha residencia artística e técnica no Pazo da Cultura de Carballo durante todo o mes de setembro antes desta agardada estrea para público xeral a tarde deste sábado 27 de setembro”. Sueiro mostrouse “contento e agradecido desta colaboración, e de que o FIOT poida cumprir cunha das súas principais divisas: ser útil para o sector e para as compañías, acollendo esta residencia artística e esta estrea, para darlle impulso a un proxecto tan grande e con tantos axentes implicados, no que temos unha confianza ciega e estamos convencidos de que será o mellor arranque para esta 34ª edición do festival”. Finalmente, os artistas quixeron convidar “a públicos de todas as idades a gozar no FIOTiño cunha proposta escénica familiar que descobre a maxia do teatro e da imaxinación como unha ferramenta para cambiar o mundo”.

GRAN ACOLLIDA DO PÚBLICO ÁS PROPOSTAS DO #FIOT34 E ENTRADAS AÍNDA DISPOÑIBLES

A gran acollida do público ás propostas escénicas do FIOT viuse de novo reflectida neste 2025, xa que o festival esgotou en apenas tres días os bonos para o seu Programa de Sala, ademais das entradas para algunhas das propostas máis agardadas, como Vulcano14.4 ou Yo solo quiero irme a Francia. En total, o público adquiriu xa máis dun 50% dos tickets totais do festival (cifra que ascende a un 84% se nos referimos ás funcións do Programa de Sala que se poderán desfrutar no Auditorio do pazo da Cultura de Carballo). As entradas para outras xoias deste #FIOT34 como Berenguela na gaiola ou Territorio Regueifa, están aínda dispoñibles na plataforma Ataquilla.com e na billeteira do Pazo da Cultura o mesmo día da función, desde 90 minutos antes do seu inicio.

Comentarios