O Campamento Kamikaze abriu o telón do Carballo Interplay 2019 armando un novo Dinosaurio

Campamento Kamikaze do Carballo Interplay 2019

Esta fin de semana Carballo prepárase para o festival de contidos dixitais máis importantes do estado

 

Agora si. O VI Festival de contidos audiovisuais Carballo Interplay 2019, o máis importante do estado, xa está en marcha. Despois da presentación desta a súa edición máis ambiciosa, o festival comeza con tres días de Campamento Kamikaze. O Raz Surf Camp acolle esta convivencia creativa durante 3 días, como previa a esta fin de semana de vertixe cultural na que a capital de Bergantiños fará unha completa panorámica da innovación na rede a nivel galego, estatal e internacional.

Así, as dúas ducias de kamikazes que se aventuran neste singular campamento enfróntanse ao reto de idear, gravar e postproducir en dous días e medio un nvo Dinosaurio, un pequeno vídeo de menos de 10 minutos a partir da premisa da fin de Internet. Despois de gañar un Mestre Mateo á mellor Webserie, cómpre seguir coa liña.

Aprender creando é a idea deste formato, no que hai todo tipo de xentes con gañas de vivir da farándula, dende actores e actrices, a cámaras, guionistas, produtoras, músicos e estudantes que aínda non teñen claro que aspectos da profesión lles gustan máis.

De mestres están xentes como Andrés Goteira (Dhogs); Sandra Sánchez (A nena azul que tamén levou un Mestre Mateo), Dani Viqueira (Limbo), ou Lucía Estévez, ademais dos especialistas en produción Suso López (Doghs) e Nati Juncal (Antes de Perder).

O resultado proxectarase o mércores 3, ás 20h30, no Auditorio do Pazo de Cultura de Carballo como apertura do festival.


Tormenta de ideas no Kamikaze

O Festival

O xoves comezará a completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e un programa de actividades completísimo, con encontros, obradoiros, relatorios e espectáculos nos que aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet compoñen esta nova entrega do Interplay, cita de referencia para o sector dixital global.

Como vén sendo habitual, todas as actividades do Carballo Interplay son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo, menos a formación e a programación profesional, para as que hai que inscribirse previamente.

Novas relacionadas