venres. 09.01.2026
El tiempo

Os carballeses reciclaron en 2025 un 8% máis de aceite que o ano anterior

Recollida de Aceite en Carballo
Os carballeses reciclaron en 2025 un 8% máis de aceite que o ano anterior

Continúa mellorando a implicación da veciñanza de Carballo na reciclaxe de aceite doméstico. O aumento de puntos de recollida e as campañas municipais seguen fomentando que dende a entrada en servizo do actual, en agosto do 2018, o compromiso aumente. De feito, a media mensual supera os 1.000 quilos nestes 7 anos de servizo.

Ademais, no 2025, segundo os datos que vén de facilitar o xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza do concello carballés depositou nos colectores específicos un total de 15.635 quilos de aceite (1.237 máis que no 2024, un 8% máis), o que permitiu evitar a contaminación de 17.198.500 litros de auga. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o residuo recollido xerou un aforro de emisións de CO2 de 46.90 toneladas.

34 puntos de recollida

Nestes momentos hai 34 puntos de recollida en distintos barrios urbanos e en varias parroquias. Os contedores máis utilizados para o depósito de aceite son os situados nas inmediacións dos supermercados e do mercado municipal, pero cada vez teñen máis uso tamén os situados na parroquias. De feito, no situado na Feira de Verdillo (Artes) recolléronse 675 quilos.

A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares, xa que para grandes produtores hai un servizo específico. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas.

Máis novas

Comentarios