venres. 12.12.2025
El tiempo

Carballo acolle o II Congreso Galicia é ESS, como referente en economía social

Congreso Economia Social Carballo- Iván Andrade, Daniel Pérez, Xosé Regueira, María Paz
Iván Andrade, Daniel Pérez, Xosé Regueira e María Paz abrindo o Congreso
Carballo acolle o II Congreso Galicia é ESS, como referente en economía social

O Fórum Carballo acolle este venres o II Congreso Galicia é ESS, unha iniciativa aberta a todas as persoas que comparten os valores da economía social e solidaria ou que queren achegarse a este movemento, orientado á construción dun modelo económico baseado na cooperación, a sustentabilidade e a xustiza social. A cita converte a localidade carballesa nun punto de referencia durante esta semana para o debate e a divulgación de propostas económicas alternativas, cunha programación continuada promovida pola Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia en colaboración co Concello.

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Promoción Económica, Xosé Regueira, participou na mesa inaugural do evento, xunto co alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade; e a directora de REAS Galicia, María Paz.

Regueira agradeceu a oportunidade de poder intervir en nome da institución provincial nun encontro “moi necesario”, subliñando a relevancia da economía social nun contexto internacional marcado pola inestabilidade. Segundo indicou, vivimos “un momento xeopolítico absolutamente convulso, no que unha serie de oligarcas a nivel mundial, non contentos con dominar a economía, tentan tamén dominar gobernos, ben sexa pola forza ou pola chantaxe económica”, acumulando cada vez máis poder e empobrecendo as sociedades. 
Fronte a un modelo económico que acaba —incidiu— “forzando un enfrontamento entre pobres”, o vicepresidente provincial defendeu a necesidade de avanzar cara a outro que “afonde na redistribución da riqueza, nunha sociedade máis xusta, no consumo responsábel e na conciencia de que o noso planeta é finito e o debemos saber repartir con xustiza”.

Ao longo da xornada, o congreso propón compartir saberes e aprendizaxes acumuladas e procurar inspiración noutras experiencias e noutros territorios para artellar, de maneira colectiva, un mercado social, solidario e certeiro. Regueira salientou que o programa permite coñecer modelos colaborativos en ámbitos como a enerxía, o financiamento, o comercio xusto ou o consumo responsábel, e considerou “moi importante dalos a coñecer fóra deste espazo”.

Comentarios