Carballo acollerá a entrega dos galardóns Vilas en Flor 2025 nos que tamén participan A Laracha, Ponteceso e Vimianzo
Carballo, A Laracha, Ponteceso e Vimianzo están entre os 13 concellos da provincia e os 42 de toda Galicia a ser recoñecida na oitava edición do movemento Vilas en Flor. Os catro concellos costeiros (Coristanco retirouse da carreira hai un par de anos), aspiran a recibir as Flores de Honra (ata un máximo de cinco). O mellor situado ata agora é Carballo, que o ano pasado sumou 4, polo que ademais acollerá a Gala de entrega dos galardóns que terá lugar o venres, 14 de novembro (11:00h).
Este é o galardón co que o programa recoñece a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna seguindo a estela doutros similares xa en funcionamiento en Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia ou países como Francia (baixo o nome Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).
O movemento Vilas en Flor está promovido en Galicia pola Fundación Juana de Vega xunto con Asvinor (Asociación de Viveristas del Noroeste) e Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería). Nesta edición, volve contar co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, así como de empresas do sector ambiental como son Husqvarna, Makita e Rain Bird.
O equipo de expertos percorre Galicia
O equipo de expertos voluntarios xa está a recorrer Galicia para valorar o traballo realizado durante o ano pasado polos gobernos municipais para continuar mellorando a xestión dos seus espazos verdes tendo en conta os aspectos contemplados nas bases. Estos son, entre outros, o coidado do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade; o uso social e as sinerxías coa actividade turística.
Xa pasaron por Vimianzo e Carballo o pasado 3 de outubro, e este luns estiveron por Ponteceso, A Laracha e Arteixo.
Máis novas floridas