Carballo arrinca unha campaña de educación sexual
Que necesario e que pouco habitual é falar de sexo coa mocidade. Aí o Concello de Carballo é o único capaz de saltar esa barreira do silencio, e vén de presentar unha campaña de educación sexual que xa se está a desenvolver nos institutos de Secundaria.
A proposta partiu da Concellaría de Mocidade, despois dun traballo de recompilación de información entre a poboación adolescente, profesionais do ensino e da medicina, pais e nais, do que puideron extraer as seguintes conclusións: “O sexo e a sexualidade seguen a ser un tema bastante tabú, e pouco abordado. Nestes momentos, a principal fonte de información para a rapazada está na internet e nas redes sociais, a través de contido moitas veces inadecuado e cun cariz machista moi importante”, explicou a concelleira Maruxa Suárez, quen ademais expresou a preocupación do goberno municipal “porque ese machismo está totalmente ligado ao desenvolvemento da sexualidade, e vemos que as violencias machistas son un gran problema. A xuventude precisa afondar no tema das violencias machistas para ser máis conscientes delas e aprender a detectalas”.
Pero tamén se detectaron outros sinais de alarma, como o acceso á pornografía a idades cada vez máis temperás ou o rexeitamento á utilización de métodos de protección fronte ás enfermidades de transmisión sexual ou dos embarazos non desexados, que moitas veces se traducen nun abuso da chamada píldora do día despois.
Con todo este caldo de cultibo, o Concello contactou con Hadriana Ordóñez, psicóloga clínica especialista en sexoloxía. Xa realizaron un traballo preliminar cos equipos de orientación dos institutos e a semana pasada comezou a fase de investigación nas aulas.
Condóns para Ocio nocturno
Paralelamente, o vindeiro 11 de febreiro, venres anterior a San Valentín, instalarán un posto informativo na zona de ocio nocturno no que, ademais de asesorar e atender aos mozos e mozas que o precisen, realizarase un reparto masivo dun pack que inclúe un preservativo, unha toalliña hixiénica e un pequeno folleto coas razóns básicas para, no caso de decidir ter sexo, usar condón.
“Segundo un informe de Save the children, o 46,1% de adolescentes non usa sempre métodos de protección, e o 13,7% non o fai nunca ou case nunca”, indicou a concelleira de Igualdade, Maica Ures, quen tamén destacou que esta campaña vén complementar o programa “Quéreme ben”, que imparte a asociación Vieiro tamén nos institutos de Carballo coa colaboración do Concello.