Luns. 29.04.2024
El tiempo

Carballo dedica o Día do Orgullo ao Xestal cun Xardín

No Xardin do Xestal
Celebrando o Día do Orgullo no Xardín do Xestal
Carballo dedica o Día do Orgullo ao Xestal cun Xardín

Este pasado mércores 28 de xuño celebrouse o Día do Orgullo. Unha data que pasa bastante desapercibida nos Concellos da Costa da Morte apesar do atraso secular que levamos na materia de respecto á diversidade sexual. Agás en Carballo, o único concello que usa os símbolos do arco da vella para ir limando esas carencias.

Este ano dedicáronlle o día a Carlos Díaz, O Xestal, protagonista dun 2023 cheo de detalles para lembrar a súa historia, pero desta volta centrando o discurso no que tivo que aguantar durante toda a súa vida por ser homosexual.

O Concello carballés inaugurou o chamado Xardín do Xestal, un espazo cheo de cores moi pretiño do Xardín de Rosalía e da Praza de Xela Arias, no Parque do Anllóns.

Xardin do Lestal en Carballo

A concelleira de Igualdade, Maica Ures, o alcalde Evecnio Ferrero, falaron xunto con Carla Trigo Mato e Raúl Lista Muñoz, alumnos do CEIP Plurilingüe A Cristina, foron os encargados de lembrar os dereitos do colectivo LGTBQ+. “Creamos xardíns para que as liberdades e os dereitos das persoas medren igual que as flores”, sinalou Ures.

Lembraron que O Xestal foi apresado, maltratado e sinalado por ser homosexual. Carlos O Xestal sufriu o estigma da homosexualidade. “De súpeto desapareceu a súa voz na radio. Ata que un día atopei unha nova onde reaparecía, pero nas páxinas de sucesos. Unha nota policial falaba dunha redada na que foran detidas persoas consideradas ‘perigos sociais’. Entre eles, O Xestal. Sufriu malos tratos e humillación na prisión de Badaxoz. Todo iso polo delito de ser homosexual”, conta o escritor Manolo Rivas en “As voces baixas” sobre o episodio que marcou un punto de inflexión na vida do popular humorista cuxa memoria queremos recuperar e poñer en valor neste Ano do Xestal.

Ao tempo que un grupo de escolares facían voar os papaventos elaborados por eles mesmos no obradoiro municipal, a música do dúo Curuxa, con Pablo Moreira á guitarra e Cecilia Burillo ao violoncello, soou como peche do fermoso acto.

Duo Curuxa Tocando no Xardin do Xestal
Dúo Curuxa tocando no Xardin do Xestal

Comentarios