sábado. 06.12.2025
El tiempo

O concelleiro non adscrito de Fisterra estrea novas siglas con dureza

Alternativa Enxebre Fisterra
O concelleiro non adscrito de Fisterra estrea novas siglas con dureza

Xa avisou no pleno de outubro, que ía dar unha lexislatura complicada. O concelleiro fisterrán, Francisco Martínez Traba, tras ser expulsado de Alternatia dos Veciños e non ser aceptado no goberno polo PP, estrea este mes novas siglas: Alternativa Enxebre. E faino cunha política moi crítica, agora contra o novo alcalde.

Martínez Traba denuncio no pleno "outra contratación ilegal dun arquitecto para prestar os seus servizos para o concello de Fisterra".

“Cando me decatei de que o Goberno procedera a contratar a outro arquitecto para prestar os seus servizos como técnico municipal, contratación levada a cabo de xeito ilegal, ao mesmo tempo que o Partido Popular incumpría o acordo asinado con este concelleiro para regularizar o servizo municipal de urbanismo, solicitei acceso a consulta do expediente de contratación para estudar o mesmo e ver como se levara a cabo a citada contratación. Adxudicóuselle o contrato por importe de 9.000 € a este arquitecto en cuestión, que ademais foi o único invitado a participar no procedemento. Un importe de 9.000 € por 2,5 meses de prestación de servizos, nos que só ten a obriga de acudir dous días a semana ao concello...” explica Francisco Martínez Traba.

“A contratación deste arquitecto non é casualidade, senón que foi estudiada e intencionada. O Goberno Municipal do Partido Popular contratou a este arquitecto para continuar coa mafia que existe no servizo municipal de urbanismo, tal e como fixeron os gobernos antecesores –tamén os do Partido Popular-, e de paso para garantir o voto do BNG no pleno da corporación, xa que cunha abstención xa lles é suficiente para sacar adiante as votacións e os asuntos no pleno", asegura.

O grupo carga tamén contra o BNG e contra o ex alcalde José Manuel Traba, polo que consideran "un auténtico escándalo", pedindo á "secretaria-intervención municipal que dea traslado destas situacións a fiscalía". "Nós imos denunciar esta situación onde corresponde. Logo que non digan que non lles avisamos e que somos malísimos. Por certo, malísimos por facer que corresponde, que é defender a legalidade, a honradez e a transparencia na administración pública” apunta o concelleiro.

Comentarios