Vimianzo prendeu o Nadal costeiro
Leva anos asentado o de Vimianzo como o principal foco do Nadal na Costa da Morte. E así se ratificou onte, onde a pesar do tempol, centos de persoas reuníronse, baixo a gran carpa instalada na praza do Concello para inaugurar a tempada de Nadal. O gran acendido das miles de luces colocadas por todo o termo municipal marcaron o comezo dunhas “datas máxicas, nas que compartir momentos, conversas e risas cos nosos seres queridos” describiu a alcaldesa, Mónica Rodríguez.
“A partir de hoxe as nosas rúas cambian completamente de aspecto e lémbrannos que chega unha época moi especial”, completou a rexedora, que agradeceu “o traballo de todas as persoas que fixeron posible esta iluminación e o esforzo que hai detrás de cada detalle que fan brillar Vimianzo máis que nunca”, concluíu.
Os máis pequenos e pequenas puideron gozar dunha gran festa infantil co espectáculo ‘Tibu e os seus amigos’, que encheu o espazo de maxia. Como xa é tradición, tampouco faltou a chocolatada de balde para todas as persoas
asistentes.


Recuncho gastronómico
Onte tamén abriu as súas portas o Recuncho Gastronómico, que está localizado dentro da propia carpa. Un espazo creado para compartir sabor e momentos do máis especiais que abrirá os días 5, 6, 7 e 8 de decembro para gozar da ponte.
Logo permanecerá aberto de maneira continua do día 12 de decembro ao 11 de xaneiro de 12:00 a 00:00 horas.
As persoas que se acheguen poderán atopar tres casetas ben acolledoras: O recuncho de Noly, con comida feita no momento: hamburguesas, sándwich, patacas fritidas... un clásico que nunca falla.
O recuncho de Cris, con todo tipo de bebidas, quentes para entrar en calor ou frías para refrescarse despois de desfrutar das actividades programadas.
O recuncho de Ana, con filloas, tanto doces como salgadas feitas no momento, chocolate con churros e outras tentacións repletas de sabor.

