Carballo deu as claves para previr os delitos económicos que se sofren na rede
Non houbo demasiada participación na interesantísima xornada do Seminario sobre intelixencia empresarial e ciberseguridade organizado pola Concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo. Unha xornada formulada para empresas, profesionais e forzas de seguridade de toda a comarca, que puideron escoitar da man da experta en intelixencia Ana Isabel Páramo e o avogado penalista especializado en delitos informáticos Luis Jurado, as claves máis importantes para combatilos.
Ana Páramo centrou a súa intervención na importancia de que as pemes utilicen a intelixencia corporativa, unha ferramenta útil para reducir a incerteza e anticiparse ao futuro. Coñecer as debilidades do sistema, como poden atacar os piratas da rede ou o perigo que supoñen as infeccións nos dispositivos tecnolóxicos das pemes son aspectos fundamentais nos tempos que corren. Pero, segundo datos ofrecidos hai uns días pola secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, Carme Artigas, só o 59% das empresas de menos de dez traballadores/as dispoñen dalgunha medida de ciberseguridade.
Luis Jurado explicou como se poden previr o ransomware ou o phising, que constitúen os principais delitos informáticos, e neste sentido insistiu na importancia de manter os dispositivos actualizados, de utilizar provedores fiables, ferramentas de protección (antivirus, etc), realizar copias de seguridade, monitorizar as fugas de datos, implementar novos protocolos de comportamento (pregunta de seguridade, sinatura dixital, comprobar os remitentes dos emails...) e insistir na formación do persoal. Tamén se detivo no fraude bancario, advertindo da existencia dunha vía civil regulada no Real Decreto Lei 19/2018, de 23 de novembro, de servizos de pago e outras medidas urxentes en materia financeira, que se recolle a obriga das entidades bancarias de devolver os cartos roubados por fallos de seguridade informática, e comentou que se está a traballar coa Garda Civil na confección dun formulario que poidan utilizar as persoas afectadas.