![A empresa carballesa Abertal foi a encargada do redeseno da paxina web do concello de Carballo]()
A empresa carballesa Abertal foi a encargada do redeseno da paxina web do concello de Carballo
A transparencia e a adaptación aos dispositivos móbiles son dúas das pezas claves da
nova web que acaba de estrear o concello de Carballo da man de
Abertal. "A páxina web necesitaba unha actualización porque estaba moi cargada e esta nova web nace co obxectivo de ser máis axil, ademais de cumprir co esixido pola Lei de transparencia", sinalou o alcalde de Carballo durante a presentación da nova ferramenta á que asistiron tamén a concelleira de Planificación Urbana, Milagros Lantes, e a de Facenda, Belén Lendoiro, ademais dos responsables da empresa carballesa Abertal, encargada de construír a páxina.
A creación dun novo
Portal de transparencia foi un dos principais obxectivos nos que se traballou á hora de deseñar o novo espazo web, tentando que a información "sexa máis accesible aos cidadáns". Nestes momentos este portal está nunha primeira fase, na que está dispoñible a información económica e financeira, os datos dos procesos de contratación municipal, os rexistros de intereses coa declaración de bens de todos os concelleiros e concelleiras da corporación ou todas as ordenanzas en vigor. Porén, está previsto ampliar e seguir mellorando este servizo coa incorporación de novos datos e funcións no futuro.
Máis aló da transparencia, o novo web tamén artella novas ferramentas para a organización da información, como é a creación de
microsites específicos para áreas concretas que contan con moitas actividades ao longo do ano, citas que espertan especial interese entre os veciños e veciñas. Tal é o caso dos departamentos de
Cultura,
Deporte e
Lingua, que contan cun
microsite propio ao que se pode acceder directamente para consultar as novas e eventos relacionados con esa área.
Eventos
![A nova web do concello de Carballo nace co obxectivo de ser mais accesible para os usuarios e usuarias]()
A nova web do concello de Carballo nace co obxectivo de ser máis accesible para os usuarios e usuarias
Outra das ferramentas dispoñibles é a creación de "especiais" ao longo do ano para
festivais, programas e eventos específicos. Deste xeito cada un dos eventos importantes que ten lugar na vila ao longo do ano pode contar co seu propio espazo web sen a necesidade de crear unha páxina específica con desenvolvemento propio, senón habilitando a súa propia área no web municipal. Nestes momentos, por exemplo, está en marcha
Primavera enDanza, cun apartado no que consultar toda a información relacionada, dende as citas, á venda de entradas, toda a programación, novas relacionadas, etc.
O obxectivo é que os usuarios e usuarias do web sexan quen de filtrar fácilmente a información ofrecida na nova páxina, accedendo aos contidos que lles interesen da mellor maneira posible.
Outra das características que implican unha notable mellora respecto do web anterior é a
adaptación do web a dispositivos móbiles e tablets grazas ao seu responsive design, un sistema que permite que a configuración da portada e dos diferentes apartados se adapte automáticamente ao tamaño de calquera pantalla de visualización, xa sexa a dun ordenador ou a de móbiles e tablets. Tamén o deseño e a organización da información están ao servizo dunha páxina máis visual, na que as imaxes teñen moita importancia e a navegación intuitiva facilita a xestión dos contidos por parte dos usuarios e usuarias.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Carballo