![obras-carballo]()
Dentro da mellora tamén se inclúe a construcción de beirarrúas e aglomerados nas rúas Malvas, Camelias e Moreiras
O barrio carballés de San Cristovo está en obras por partida múltiple. Por unha banda continúa a moi bo ritmo a
primeira fase do proxecto de urbanización da avenida das Flores, financiado pola Deputación da Coruña; por outra, dentro do Plan de Acción Social (PAS), están a acometerse
melloras de accesibilidade en varias rúas entre o San Cristovo e A Cristina.
As actuacións comezaron pola rúa Mirtos, na que ademais de mellorar o pavimento dende o cruce con Orquídea ata Alcalde Peinador, ensanchouse a calzada nalgúns tramos e instalouse unha canalización de auga á altura da rúa Pedra Furada. A actuación aínda non está rematada. O proxecto inclúe tamén a construción de beirarrúas e aglomerados nas rúas Malvas, Camelias e Moreiras, na que se está a traballar neste momento.
Unha senda peonil na rúa Violetas, dende Flor do Toxo ata o IES Monte Neme, ao que acoden a diario centos de estudantes, figura tamén entre as actuacións que están a levarse a cabo, e que se completarán cunha intervención na praza de San Cristovo para modernizar as instalacións e garantir o correcto aproveitamento dese espazo público. Deste xeito, renovarase o pavimento de caucho e os xogos do parque infantil, acondicionaranse as zonas deportivas e repararase o mobiliario urbano. As obras no barrio de San Cristovo foron adxudicadas á empresa Lancer Proyectos y Obras S.A. por un importe de 187.099,81 euros.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo