Carballo presentou os orzamentos para 2015

De “realistas” e “prudentes” califica o alcalde Evencio Ferrero os orzamentos do Concello de Carballo para o exercicio de 2015. Uns orzamentos que ascenden a 22,7 millóns de euros no capítulo de ingresos e a 22,3 millóns no de gastos. Unhas cifras que supoñen unha baixada do 4% en canto a gastos e do 2,3% nos impostos.
O proxecto de abastecemento a Carballo Anllóns Bardoso (cun importe de 2,4 millóns) é un dos máis importantes, se ben no apartado de gastos hai tres liñas, o gasto social (case 1 millón de euros), a dinamización económica, turística e do emprego (medio millón para cada unha das tres propostas de dinamización) e os investimentos reais (máis de 3,5 millóns).
Teñen toda a información aquí.
Adiante a reurbanización da rúa Colón

E parece que as obras de peatonalización da rúa Colón xa están en marcha, aínda que non arrincarán ata despois de Nadal. A pasada semana asinábanse os contratos de reurbanización da rúa Colón e de sobreanchos e reparación da estrada de Vilar de Francos ao Padreiro. A empresa adxudicataria é Contrucciones Ramón Vázquez, por un importe de 233.046 euros.
A actuación implica a eliminación das prazas de aparcamento, a eliminación das beirarrúas e das varandas que separan a Praza da vía, e a creación dunha ampla zona de carga e descarga para facilitar o labor dos comerciantes nos días de feira e mercado, ademais de que os vehículos poderán circular do mesmo xeito que na rúa Valle Inclán. Manteríanse as árbores e gañaríase espazo para a Praza do Concello.
O prazo de execución previsto é de catro meses dende a sinatura da acta de replanteo.
Ademais, o Concello intentará controlar a estética das terrazas para o que xa están preparando unha nova ordenanza.
Novas relacionadas
- Novidades nos PXOM de Carballo, Fisterra e Muxía.
- Carballo tamén peatonaliza a Rúa Colón.
- O pleno de Carballo réndese á taxa do lixo.