Carballo proponse controlar a 5ª onda
Carballo é un dos 7 concellos costeiros con restricións. En Nivel Alto se atopa nesta 5ª onda, que supón a máis forte dende o pico de 400 casos de finais dfe xaneiro. A Comisión COVID, reunida onte, así o constatou recoñecendo que son 222 casos activos, e dando conta da preocupación ante o avance.
O cambio de nivel afectou fundamentalmente ao sector da hostalaría, no que se reducen os aforos, e tamén ás atraccións de feira. De feito, dende a Concellaría de Feiras e Mercados tíñanse organizadas para este verán varias zonas destinadas á venda ambulante temporal, pero xa non puideron empezar a funcionar.
O coordinador de Protección Civil, Javier Souto, explicou que nas praias estase aplicando o mesmo protocolo que o verán pasado, cun elevado grao de cumprimento.
O control do ocio nocturno é nesta época do ano un dos principais obxectivos. Neste sentido, dende a Garda Civil adquiriuse o compromiso de intensificar a presenza das patrullas na zona costeira, sobre todo en Razo.
Así mesmo, tanto Garda Civil coma Policía Local vixilarán os botellóns en distintos puntos do concello nos que se ten detectado a súa celebración e o cumprimento dos horarios de peche e dos aforos nos locais de hostalaría.