Martes. 08.10.2024
El tiempo

Carballo reparte funís para promover a reciclaxe dos aceites de cociña usados

Carballo reparte funís para promover a reciclaxe dos aceites de cociña usados
funil-aceite-usado A veciñanza poderá recollelos gratuitamente a partir do luns nas dependencias municipais Despois da instalación de máis de 20 primeiros contedores de aceites de cociña usado por todo o municipio,  o concello de Carballo puxo en marcha unha campaña de reparto de funís. As persoas interesadas poderán solicitalos de balde a partir do luns, e ata fin de existencias, tanto na casa do Concello (departamento de Medio Ambiente) coma na oficina da empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, UTE Carballo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34 – Local 15). Os embudes poden colocarse nas botellas de plástico de 1, 1,5 ou 2 litros e facilitan o almacenamento do aceite nos envases, que, unha vez cheos, deben introducirse pechados nos colectores. O obxectivo é evitar que o aceite vexetal que usamos a diario na cociña ou o procedente das latas de conservas acabe nos desaugadoiros, non só porque pode obstruír as canalizacións ou causar avarías nas depuradoras, senón, e sobre todo, porque é un importante contaminante da auga. O sistema de recollida permite darlle unha nova vida, xa que, unha vez tratado, pode ser utilizado para a fabricación de diferentes produtos. O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, fixo un chamamento á colaboración cidadá para que entre todas e todos poidamos seguir mellorando a calidade do medio ambiente. Así mesmo, destacou que os funís permiten depositar o aceite nas botellas dun xeito cómodo e limpo, polo que animou aos veciños e veciñas a utilizalos. Os novos contedores están a disposición da cidadanía os 365 días do ano e as 24 horas do día nos seguintes puntos: Razo (fronte ao Cordobés), Pedra do Sal (Noicela), Berdillo (xunto á igrexa), rúa Xosé Manuel Eirís esquina Avenida de Bértoa (xunto aos supermercados), Avenida do Ambulatorio, rúa Baixa (zona centro comercial), Álvaro Cunqueiro (fronte á piscina), Perú (esquina rúa Estrela), Coruña (cruce con Desiderio Varela), nas dúas entradas do Mercado Municipal pola Gran Vía e pola Praza do Concello, Gran Vía esquina Rosalía de Castro, Vila de Ordes no cruce con Vila de Noia, Avenida de Bergantiños esquina Vila de Laxe, Avenida da Milagrosa (rotonda), Avenida de Fisterra (zona da ponte de Isabel II), Praza da Cruz Vermella, Fórum Carballo e Rúa Papoula. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. Para grandes consumidores profesionais, desde o concello de Carballo ofrécese a posibilidade de participar cun sistema de recollida individualizado. As empresas e/ou establecementos de restauración que teñan interese en participar poden poñerse en contacto con Carballo Limpo chamando ao 981 74 917 ou a través da web www.carballolimpo.com. Novas relacionadas https://quepasanacosta.gal/carballo-sumase-a-recollida-de-aceites-usados-coa-instalacion-de-20-colectores/ Fonte

Comentarios