Un ciberataque paraliza a actividade municipal no Concello de Carballo
Dende as 5:00h desta madrugada de martes a mércores, a labor administrativa do Concello de Carballo está paralizada. Un ciberataque mantén paralizados os servizos informáticos municipais. O Concello activou o protocolo de actuación establecido en coordinación coa Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega), así como coas empresas que teñen contratados os servizos de antivirus e almacenamento e copia de seguridade.
Todas elas participaron pola mañá nunha xuntanza telemática co informático municipal, o secretario do concello, o alcalde e a concelleira de Contratación para establecer os próximos pasos.
En principio están afectados os servidores municipais, pero non os grandes paquetes de información que están aloxados na Deputación da Coruña (padrón de habitantes, contabilidade, Tedec, portafirmas) ou en servidores externos (xestión policial, servizos económicos, UCA ou páxina web).
Concello, en colaboración coa Amtega e a Garda Civil, que xa enviou esta mañá un equipo da Policía Xudicial á casa do concello, traballan para intentar restablecer o máis axiña posible os servizos non afectados e recuperar a información local da copia de seguridade. Esperan que partir de mañá comecen a restablecerse os servizos básicos de atención á cidadanía.
Pregunta dende a oposición
A portavoz socialista, María Carmen Vila, solicitou hoxe ao alcalde unha xunta de portavoces urxente para coñecer de primeira man o alcance do ciberataque sufrido hoxe no Concello de Carballo.
"Non só é importante establecer qué foi o que fallou para que este acto delituoso tivese éxito, senón coñecer de forma exacta qué datos dos veciños foron subtraídos, pois de ser información sensible debemos previr á poboación para que extremen precaucións, xa que é frecuente que o botín obtido nestes ataques sexa aproveitado logo para a comisión de outros delitos tales como estafas, suplantacións de identidade, etc.", sinala Vila.