Un concurso de proxectos para o deseño do edificio para entidades sociais de Carballo
Continúa avanzando o ambicioso proxecto de converter as antigas Casas dos Mestres nun edificio para as entidades sociais, un dos 5 proxectos transformadores da cidade, como o que coñecimos esta semana da área deportiva da Lagoa.
E para desenvolvelo, o Concello de Carballo e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) convocan un concurso de proxectos para o deseño do futuro edificio para entidades sociais no municipio, froito dun acordo de colaboración entre ambas entidades. O obxectivo é seleccionar a mellor proposta arquitectónica para a construción dun inmoble de 1.620 metros cadrados, que se situará no solar que ocupaban as antigas casas dos mestres, unha praza de acceso e a reurbanización da rúa Darwin.
O concurso consta de dúas fases. A primeira xa está aberta, tras a publicación do anuncio correspondente no perfil do contratante do Concello de Carballo. Ata o 3 de xullo poden presentarse propostas que serán avaliadas nesta primeira fase, das cales sairán as catro que pasarán á segunda fase. O xurado estará formado polo alcalde, como presidente; dous arquitectos designados polo Concello de Carballo, dous nomeados polo COAG e un dos servizos técnicos da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e a secretaria municipal, con voz pero sen voto.
A proposta gañadora será a adxudicataria do contrato de servizos para a redacción do proxecto e a dirección de obra por un importe de 205.880 euros, dos cales o seu autor recibirá 9.680 a conta como primeiro premio. O segundo será gratificado con 7.260 euros, e tanto o terceiro coma o cuarto están dotados con 4.840 euros.
O orzamento do proxecto de execución da obra está estimado en 3.455.760,00 €.
O COAG ofrece neste concurso asesoramento ao Concello de Carballo para a redacción dos pregos de bases administrativas e técnicas, a compilación da documentación gráfica, a difusión da convocatoria entre os arquitectos de Galicia e de toda España a través do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), a resolución de dúbidas, a designación de dous arquitectos colexiados do COAG para o xurado –designados dentro da bolsa de xurados do Colexio–, o apoio na secretaría do concurso e a difusión das propostas gráficas dos catro premiados na súa web https://portal.coag.es/, unha vez finalice o proceso de deliberación del xurado.