mércores. 19.03.2025
El tiempo

A veciñanza coñece os 5 proxectos estratéxicos que o Concello de Carballo presentará aos Fondos EDIL

reunion Concello Carballo e asociacions
A veciñanza coñece os 5 proxectos estratéxicos que o Concello de Carballo presentará aos Fondos EDIL

O Concello de Carballo vai presentar cinco integrados que inclúen 17 actuacións ás axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) destinadas a entidades locais para o período 2021-2027 no marco da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL). Unhas axudas ás que poden optar concellos de entre 20.000 e 80.000 habitantes, que tratan de promover o seu desenvolvemento sustentable desde unha tripla perspectiva: ambiental, económica e social. 

O Concello presentou en varias reunións veciñais, os proxectos. Na primeira reunión participaron os grupos da corporación; na segunda, as entidades sociais, e na terceira, o movemento asociativo en xeral. Técnicos municipais e da consultora encargada da elaboración dos proxectos, xunto co concelleiro de Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron as actuacións que de saír adiante poderían estar materializalas no prazo previsto (decembro do 2029). 

Os Concellos poden presentar proxectos por un mínimo de cinco millóns e un máximo de quince millóns de euros, este será o caso de Carballo, axudas coas que poderá financiar ata o 60% do investimento total.

reunion Concello Carballo e asociacions 2

As propostas

1. Dinamización social, mediante a creación dun novo edificio para as entidades sociais, que se construiría no xa solar das antigas casas dos mestres, e a reurbanización da rúa Darwin para favorecer os desprazamentos peonís das  persoas usuarias. O deseño do edificio realizarase mediante un concurso de ideas, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia (COAG), e coa participación directa das entidades sociais implicadas.


2. Consolidación como motor cultural, grazas á creación dun novo auditorio e espazo cultural que permita dar resposta ás crecentes necesidades derivadas do posicionamento de Carballo como referente cultural. 

3. Renaturalización da zona urbana e creación e eixes verdes na contorna do Rego da Balsa. A proposta inclúe a creación dunha nova zona verde, a renaturalización do espacio de aparcamento do Centro Comercial Bergantiños, a conexión dese novo espazo co Rego da Balsa e a creación dun carril bici, e a reurbanización das rúas Ánxel Fole e Enrique Sánchez para conectar as zonas verdes co centro.

4. Posta en valor da feira e do mercado municipal como motores económicos do concello. Con esa finalidade prevese a reurbanización da Praza do Concello e a dignificación do espazo destinado ás feiras, a reforma da primeira planta do mercado municipal para a dinamización do edificio, a creación dun catálogo dixital dos postos da feira e do mercado para facilitar a difusión dos servizos que ofrecen e a reurbanización das rúas Cervantes, Gran Vía, Túnel e Cesteiros para completar a humanización na contorna da praza.

5. Mellora dos servizos e das infraestruturas públicas mediante a rehabilitación enerxética da casa do concello, o despregue de redes wifi gratuítas nos centros sociais e a creación dun servizo de xestión dixital dos espazos municipais que permita a súa reserva online por parte da veciñanza.

Comentarios