Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Avanza a demolición das Casas dos Mestres de Carballo

10072024 VIVENDAS-MESTRES Carballo demolicion
Avanza a demolición das Casas dos Mestres de Carballo

Moitos problemas levan dado nos últimos anos as Casas dos Mestres. De aí a decisión que tomou o Concello carballés en 2022 para poder afrontar a construción dun Centro Social. A reordenación do chan permitiu cambiar o uso residencial que tivo no seu momento polo actual uso dotacional de equipamento múltiple, para a construción do demandado centro.

E a obra cada vez está máis próxima. Estes días, a empresa Elecnor xa está realizando os traballos previos á demolición, como a retirada do cableado eléctrico e do centro de transformación situado na parcela, que está previsto substituír por un soterrado.
Despois de Elecnor será a quenda de Telefónica, que tamén debe retirar o tendido telefónico para que a empresa adxudicataria dos traballos de derrubo, Excavaciones J. Carreira, poida deixar libre o espazo, no que se construirá o edificio para as entidades sociais e unha praza pública.

As obras de demolición están valoradas en 191.956,86 euros, 27.861,06 deles para a xestión dos residuos xerados durante a demolición. O bloque das antigas vivendas dos mestres ten un total de 2.648,70 metros cadrados construídos.


Mentres tanto, desde o Concello de Carballo estase a traballar de cara á elaboración do proxecto do edificio social, no que se terán en conta as necesidades trasladadas polas entidades que o ocuparán. A parcela das antigas casas dos mestres, que ten unha superficie de 2.575 metros cadrados, tamén acollerá unha praza pública.

Comentarios