Luns. 07.10.2024
El tiempo

As crianzas de Carballo volven empezar o curso con Apego

Programa Apego Carballo 20241
As crianzas de Carballo volven empezar o curso con Apego

Segue a ser o programa Apego unha das iniciativas máis inclusivas do país para achegar a actividade cultural, en galego, ás crianzas de 0 a 6 anos. Carballo foi un dos primeiros concellos que apostou, aló por 2015, por este programa, que agora se estende por moitos concellos do país (porén, é o único na Costa da Morte...) e mantén o pulso para seguir facilitando a socialización en galego dos nenos e nenas. A día de hoxe son máis de 350 familias carballesas as que gozan das actividades.

Este trimestre propoñen xa unha serie de actividades para seguir Medrando con Apego.

Programa Apego Carballo 2024

O mércores 18 de setembro, no marco da Semana da Mobilidade, haberá obradoiros de seguridade viaria para toda a cativada, coa colaboración da Policía Local e o Club Ciclista Carballo. Haberá cinco en total, cada media hora desde as 17.00 ata as 19.00 horas, no Mercado Municipal, que se convertirá gran circuíto para triciclos, patinetes, bicicletas... Cómpre inscribirse en [email protected].

O programa ten a súa sede nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, nas que se celebrarán os espectáculos Umu!, de María Move, o 2 de outubro, ou Corochas, de Xarope Tulú, o 18 de decembro, ámbolos dous para bebés de 0 a 3 anos.

O 16 de outubro está prevista a segunda edición de Chapuzando en familia (nenos/as de 1 a 4 anos) na piscina municipal, en colaboración con Carballo Deporte, e o 6 de novembro sairán de ruta en familia polas ribeiras do Anllóns para coñecer a riqueza natural do río (nenos/as ata 6 anos).

A planta alta do mercado municipal tamén acollerá o 20 de novembro o espectáculo Onda mini, de Mamá Cabra; o obradoiro Pinta burbullas de cores, con Laura Doldán, o 4 de decembro, e a gran Foliada de Apego coa que despedirán o ano, o 20 de decembro, e na que participarán as asociacións Nemeth, Arume de Verdillo, San Campio de Cances, Escola do Alprende de Oza e Ría de Lema.

As inscricións para cada actividade poderán realizarse desde unha semana antes a través do enderezo electrónico [email protected].

Comentarios