O Curruncho Cuir estivo de festa diversa por Carballo
Fermosa, divertida e necesaria a xornada de celebración organizada polo colectivo LGBTIQA+ Curruncho Cuir, con motivo do mes do orgullo, este pasado sábado en Carballo. O evento, que tivo lugar con varios espazos, tiña como eixo central a festa, tanto como espazo de celebración da diversidade como de reivindicación de loita e espazo político.
Foron varias as entidades que participaron, ben como patrocinadoras (no caso da sala A Reserva) ou colaboradoras. O evento arrincou pola mañá, na Galería de Manolo Eirín, coa inauguración da exposición “Ingredientes”. Ademais da presenza de varias das artistas, que puideron así explicar as súas obras, as persoas asistentes gozaron dunha cata erótica, coidadosamente seleccionada e preparada.
A continuación, a xornada continuaba nun ateigado Estudo Garabato, onde Mon Lendoiro presentou a exposición colectiva “Sen permiso: palabra e corpo”. Non faltou a música, a poesía e, por suposto, a arte plástica.
As actividades continuaron pola tarde no Casino, co Obradoiro de Regueifa contra a LGTBIfobia da man de Xanhe “O Rabelo”. O espazo foi enchéndose ao longo das horas, para culminar cun grupo diverso en idade que se ía soltando e entregando cada vez máis á regueifa como mecanismo de expresión, crítica e, sobre todo, diversión. As enerxías non decaeron no posterior picoteo e karaoke.
Sen dúbida, un dos puntos álxidos do evento foi a actuación que agardaba na Reserva a cargo de Saia Santa. Co seu humor e enerxía, abraiou e captou a atención dun público entregado, que non paraba de aplaudir cada un dos seus bailes e as súas acrobacias. Tras a actuación, non cesou a festa, tamén na Taberna O Patacón, onde varias persoas xa estaban a agardar o comezo da pinchada diversa, programada para as 24:00 horas e pola que pasaron grandes éxitos musicais.
Unha xornada necesaria para seguir naturalizando a presenza viva do colectivo LGTBIQ+.