De praias, bailes e consellos parroquiais

Varias novidades trouxo a fin de semana carballesa.
As praias, listas para Semana Santa

As praias de Carballo están preparadas para unha Semana Santa de sol e altas temperaturas, como semella que vai ser a vindeira semana no noso municipio. Hoxe remataron os traballos de limpeza e posta a punto dos areais para que tanto a veciñanza como as persoas que nos visiten poidan gozar dun dos recursos naturais máis importantes que temos no territorio.
Sen embargo, dende o Servizo Municipal de Protección Civil advírtese de que aínda non estamos en temporada e que, polo tanto, as praias non están habilitadas para o baño. Nese sentido, pídese ás persoas usuarias á máxima precaución á hora de desfrutar das vacacións nas nosas zonas costeiras.
Baile social polas parroquias
Este mes haberá música en directo todos os domingos nos bailes que organiza a Concellaría de Terceira Idade. Pero esa non é a única novidade, senón que ademais, e de maneira experimental, a actividade non se desenvolverá unicamente no Pazo da Cultura, senón que se estende ás parroquias.
O pasado dominco arrincaron no Pazo da Cultura, coa actuación en directo de Rocío Pérez, que volverá a cantar o día 16 tamén no Pazo. O día 23 o baile trasládase ao centro social de Verdillo, no que tocará o Dúo Arenal, e o día 30 será de novo Rocío Pérez a que anime a sesión musical, neste caso no centro social de Cances.
Consellos Parroquiais de Vilela e Aldemunde

Ademais, este pasado venres tiveron lugar novas reunións dos Consellos Parroquiais de Vilela e Aldemunde.
En Vilela, onde ademais prantexan a creación dunha asociación para a dinamización da parroquia, trasladaron ao alcalde a necesidade de acometer o saneamento e o arranxo da escola para usala como local social. Ademais, a trinten a de veciños pediron tamén a colocación de sinais de travesía perigosa na estrada provincial, polo que se trasladará a petición á Deputación da Coruña. Tamén solicitaron a construción dun parque infantil en San Miguel, para o cal negociarán a cesión do terreo, e a mellora do que existe xa en Vilela. A este respecto Evencio Ferrero informou de que este ano toca revisión periódica dos parques e que se van arranxar todos os do municipio. A reposición de puntos de luz e as melloras viarias completaron a listaxe de demandas veciñais.
Pola súa parte, a representación veciñal no Consello Parroquial de Aldemunde priorizou o arranxo da pista da Fonte a Aldemunde de Arriba, así como o acondicionamento do campo da festa, a reposición de algúns puntos de luz e a limpeza do camiño da Ribeira da Pena.

Fonte
- Concello de Carballo.