Escolares, Concello e Aspaber únense nunha campaña contra as cacas

A rapaza do CEIP A Cristina coreou arengas como "Coidar o verde, recolle o que teu can perde" ou “Paseo co can, bolsa na man”, r

Escolares de Carballo súmanse á campaña do Concello e Aspaber UTE para sensibilizar á veciñanza sobre a limpeza dos excrementos caninos

Nova campaña conxunta contra os excrementos caninos lanzan en Carballo. O alumnado do CEIP Plurilingüe A Cristina presentou a nova campaña lanzada entre o Concello e Aspaber UTE, que se encarga do servizo de limpeza viaria. Unha campaña para promover a responsabilidade das persoas propietarias das mascotas, porque, como di José Varela Costa, o traballador do servizo que protagoniza o primeiro dunha serie de vídeos que iremos difundindo nos próximos meses, “a culpa non é do can”. 

A vila recupera o reparto de dispensadores de bolsas con forma de óso, que tan boa acollida veñen tendo desde o ano 2019, e que nesta ocasión chegan acompañados dun folleto informativo que fai referencia non só á obriga de recoller os excrementos das mascotas, senón tamén de pasealas con colar e correa ou de que estean identificadas con microchip. O folleto, que incide tamén na adopción dos cans e gatos acollidos polo Concello de Carballo, e que son 24 neste momento, será distribuído polo persoal da limpeza viaria xunto cos ósos. 

Nestes últimos sete anos desenvolvéronse diferentes campañas e iniciativas relacionadas coa protección animal e o civismo. A instalación de papeleiras con dispensadores de bolsas nas zonas máis frecuentadas polas persoas que teñen cans, campañas de adopción en redes sociais e expositores publicitarios, o vídeo teatral "Non máis minas pola rúa..." e, máis recentemente, a instalación de sinais que alertan das seis principais zonas de concentración de cacas, e nas que lembran que o que non recollen os donos teñen que recollelo os/as traballadores/as da limpeza viaria. 

Resultados

Segundo o Concello, "a proba de que este tipo de iniciativas dan resultado é que as 16 zonas con maior presenza de excrementos que existían hai cinco anos quedaron reducidas a seis, e nestas últimas tamén se notou unha melloría desde a instalación dos sinais. Así o corroboraron hoxe tanto o persoal do servizo de limpeza coma o profesorado do CEIP A Cristina, xunto ao que se instalou a primeira".