Martes. 22.10.2019
El tiempo

Identidade sexual, feminismo e xustiza toman as táboas nesta terceira fin de semana do FIOT

Producciones Rocambolescas FIOT 2019
Producciones Rocambolescas FIOT 2019
Identidade sexual, feminismo e xustiza toman as táboas nesta terceira fin de semana do FIOT

Terceira fin de semana do Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo, cunha marea de diferentes actividades. Programación de Sala, o III Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, a Rúa dos Contos, o Teatro de Rúa, a Escola do Espectador, ou a ruta gastronómica do Dalle un Bocado ao FIOT, preséntanse como citas obrigadas.

Pratos fortes

O Pazo da Cultura acollerá este venres 11, ás 21.00 horas, a estrea en Galicia de Juguetes rotos, de Producciones Rokamboleskas, unha creación da dramaturga e directora Carolina Román, quen propón unha reflexión sobre a identidade sexual, o empoderamento e a capacidade da sociedade para dar cabida ao colectivo transs no marco
dos valores e canons sociais da España franquista, concretamente nos anos 60 e 70.

Xa o domingo 13, ás 20:30 chegará a Carballo un dos grandes éxitos deste 2019: Jauría, a dramaturxia de Jordi Casanovas creada a partir da transcrición de fragmentos das declaracións da demandante e dos acusados do xuízo de La Manada. Esta peza de teatro documento, que pon o foco nun caso que marcou un antes e un despois na relación social coa violencia sexual, está dirixida con mestría polo recoñecido Miguel del Arco, gañador do Premio Nacional de Teatro 2017 co proxecto El Pavón Teatro Kamikaze e director de obras como Misántropo, Juicio a una zorra ou Ricardo III.

El Pavon Teatro Kamikaze FIOT 2019

III CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO

Microteatro 12 outubro FIOT 2019

Esta fin de semana dará comezo unha das liñas de programación máis singulares do Festival Internacional Outono de Teatro, como é o Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, unha proposta que pretende visibilizar o traballo de artistas e compañías emerxentes á vez que o público vive unha nova e intensa experiencia teatral.

As primeiras dúas funcións terán lugar este sábado, 12 de outubro, da man das compañías Encontarte Producciones e Catro Gatos Teatro. A primeira delas presentará Sorpresa, unha comedia dramática que conta a historia de Nora, “unha muller católica, apostólica e romana” que ten preparada unha sorpresa para o seu home polo seu aniversario, pero este non aparece. Sorpresa é unha historia de segundas oportunidades e de mulleres empoderadas que se representará ás 13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas no Casino 1889 de Carballo.

Dado a limitación física de cada un dos espazos que acolle o M 2 , a organización do FIOT recomenda facer unha reserva previa da entrada ao correo electrónico [email protected], indicando o nome do espectáculo, horario, nome e apelidos da persoa asistente e un teléfono de contacto.

A RÚA DOS CONTOS DESPÍDESE DA SÚA 21ª EDICIÓN

Rua dos Contos 12 outubro FIOT 2019

O ciclo de narración oral Rúa dos Contos pechará este sábado a súa 21ª edición cun trío de singulares espectáculos ateigados de humor e ironía. Así, na noite do día 12, sucederanse as actuacións nos locais de hostalería de Carballo como peche da cita máis irreverente do FIOT. A primeira en saír á escena será María da Pontragha, vocalista nos grupos Bouba e Sacha na Horta, que ofrecerá, con A volta dos contos, unha auténtica viaxe pola tradición oral. A cita terá lugar ás 21.00 horas no Café-Bar Ranqui.

De seguido, ás 22.30 horas no Bulevar Music Café, a compañía 3 Patas presentará Comedia improvisada, un show de improvisación teatral único e que en cada ocasión é diferente, xa que se constrúe a partir de historias que nacen de propostas do público.

Finalmente, o monologuista e actor Federico Pérez dará boa conta no FIOT dalgún dos fitos e ocorrencias máis orixinais e amenas que teñen como inspiración as tabernas do país, eses espazos que atesouran centros de historias interesantes. A cita, como non podería ser doutro xeito, será contra a media noite nun local de hostalería: A Barra Bar.

TEATRO DE RÚA

O Teatro de Rúa despídese tamén do público de Carballo até o ano que vén coa proposta DistanS, (o sábado 12 ás 19:30h na praza do Concello) o espectáculo da compañía andaluza Vol’e temps que acadou, neste 2019, o Premio Fetén ao Mellor Espectáculo de Rúa e o Premio Lorca ao Mellor Espectáculo de Circo. Acrobacias, malabares, música ao vivo, slapstick ou teatro xestual son algunhas das ferramentas que achegan unha historia próxima e emocionante que fala da amizade, lembranzas, a fraxilidade do ser humano, a soidade e o amor.
 

Escola do Espectador

Escola Espectador FIOT 2019

O sábado 12 celebrarase a segunda sesión da Escola do espectador, o obradoiro gratuíto que coordina o xornalista Camilo Franco e que este ano pretende achegar ao público as claves do teatro social ou político. Logo de abordar o concepto de crise e as súas consecuencias nas artes escénicas, a segunda cita pretende explicar a confusión entre realidade e realismo, e afondar en como o teatro conta a realidade deste o drama e a comedia. 
A sesión terá lugar á hora do aperitivo, entre as 12.00 horas e as 13.30 horas, en A Barra Bar. O acceso é libre e gratuíto, pero cómpre comunicar a participación a través do correo electrónico [email protected]

Calendario e información sobre entradas

Programa FIOT 2019 Venda EntradasPrograma Calendario FIOT 2019 Carballo

Comentarios