sábado. 21.03.2026
El tiempo

Sor María Francisca Carracedo: Fundadora do Colexio das Fillas da Caridade de Carballo

 sor María Francisca Carracedo
Sor María Francisca Carracedo Viña. Foto tomada do arquivo fotográfico depositado no mosteiro de Antealtares (Santiago).
Sor María Francisca Carracedo: Fundadora do Colexio das Fillas da Caridade de Carballo

O 26 de decembro de 1893 viña ao mundo en Casal de Perros, en Rus, Francisca Carracedo Viña, nunha eminente familia desta parroquia, xermolo de vocacións e de ilustres persoeiros. Era irmá do famoso cura de Sofán, don Antonio Carracedo, que fora catedrático en Santiago, director espiritual do Seminario e que fundara nesta parroquia carballesa unha pasantía. A súa partida de bautismo é a seguinte (folio 92 recto):

En la iglesia parroquial de Santa María de Rus, perteneciente al arzobispado de Santiago, en el día veintisiete de diciembre de mil ochocientos novena y tres, don Andrés Iglesias Franza, presbítero, coadjutor de dicha parroquia con asentimiento del propio párroco don José Hermo Romay, bauticé solemnemente y llamé María Francisca a una niña que nació en el día anterior la cual es hija legítima por matrimonio de don José Carracedo Bermúdez y Josefa Viña García, naturales y vecinos de esta parroquia y son labradores. Es nieta paterna de los finados don Antonio Carracedo Bermúdez y doña Teresa Bermúdez Bouzas, esta oriunda de San Pedro de Ardemil, partido judicial de Órdenes, y aquel de la citada de Rus; y materna de don Ramón Viña Tizón, natural asimismo de Rus y Manuela García Bolón, oriunda de Santiago de Sísamo. Le apadrinaron José Viña García, hermano de la madre de la bautizada, y su mujer Francisca Carracedo Lamas, hermana paterna de dicha bautizada, vecinos también de Rus…

Foi confirmada o 14 de setembro de 1896 en Carballo, polo cardeal José Martín de Herrera. As seguintes noticias que temos dela son pola hemeroteca daquel tempo. Cara 1911 era alumna do colexio da Inmaculada de Marín (El Correo de Galicia, 5 de xaneiro de 1911). En Rianxo estaba como párroco seu irmán Antonio Carracedo; nesta vila, celebrou a primeira Misa don Manuel Reimúndez Pensado, natural de Erbecedo, actuando como padriños os irmáns Carracedo. Aínda que a vocación de Francisca puido nacer no eido familiar, foi seguramente o exemplo de don Antonio e da súa irmá María del Carmen (Sor Presentación), os que lle deron corpo a esta ilusión de servir ao Señor e aos máis necesitados da sociedade. Nese mesmo ano de 1911 parte cara Madrid para ingresar no noviciado das Fillas da Caridade; acompañouna nesta viaxe a superiora de Marín, que ía facer os exercicios (El Correo de Galicia, 5 de maio de 1911). Entrou na Congregación o 3 de xullo, pasando a proba e servindo na institución dos “Incurables” desa cidade; tomou logo o nome de Sor María. Pasou por varios destinos: Andalucía, A Coruña... Sen embargo, tivera sempre en mente levar a cabo unha fundación na súa terra, empregando para esta obra todos os seus bens patrimoniais, co obxectivo de beneficiar e formar ás nenas das aldeas de Bergantiños. Ao proxecto de Sor María uniuse Sor Dolores García, natural de Sofán, a quen a Providencia puxo no camiño da relixiosa de Rus, e que tiña a mesma idea de fundar unha institución social. Puxéronse en marcha: primeiro pensaron en emprazala en Rus ou Sofán, xa que contaban coa familia e co apoio de don Antonio Carracedo, que era párroco desta última. Como a fundación non ía estar céntrica, decidiron erguela en Carballo, que naquel entón medrara en poboación e importancia a nivel comarcal. De novo, a Providencia asiste a estas dúas relixiosas: a secretaria da visitadora de Madrid, da súa Congregación, era irmá de Jacinto Amigo Lera, “Chinto”, que fixera fortuna con distintos negocios e que residía en Carballo. Logo de tratar o proxecto, Chinto ofreceu un solar e a construción dun edificio de planta baixa, para ter alí o Colexio. Ademais, neste complexo instalaríase unha casa de socorro. 

O proxecto do Colexio xa estaba en marcha; amigos e benfeitores prometeron axudar a Sor María, sen embargo, faltaba aínda o permiso das autoridades da Congregación. A oración da relixiosa de Rus nestes momentos era a seguinte: “Bendice esta obra, se é do teu agrado, se non o é, destrúea”. As súas súplicas pronto foron oídas, xa que o camiño achanzábase a cada paso que daba. Mentres se ía construíndo o edificio do Colexio, as clases estaban instaladas na fonda da Condesa de Torre Penela, xunto ao Balneario.  Do mesmo xeito, a comunidade contaba cunha casa na rúa Vázquez de Parga. Cando o Provincial acode a ver o traballo das Fillas da Caridade en Carballo, queda asombrado pola boa marcha do seu labor social e pola aceptación que tiveron na vila; ao ver saír tantas alumnas -cento oitenta- prorrompe “Yo creía que este Carballo nunca daría bellotas, pero ahora veo que sí, las dará”. Sor María Carracedo ía e viña dende A Coruña para ultimar os preparativos; no ano 1956 dera inicio ás obras, que dous anos despois quedarán coroadas coa inauguración do colexio de Chorís. A primeira comunidade, aparte das mencionadas Sor María e Sor Dolores, estaba formada por Sor Isolina Longo Gómez, ourensá de nacemento; Sor María Milagros Sánchez-Gabriel Sánchez, de Toledo e, de Navarra, Sor María Jesús Martínez. Aparte de proporcionar asistencia educativa, as relixiosas procuraban visitar aos enfermos nos seus respectivos domicilios, para levarlle un pouco de consolo espiritual aos doentes. O colexio das Fillas da Caridade foi modificado e aumentado grazas á colaboración de moitos benfeitores; aínda hoxe, seguindo o espírito da fundadora, continúan axudando á vila de Carballo proporcionando unha familia a aqueles cativos que carecen dela. 

Sor María Carracedo Viña faleceu o 1 de febreiro de 1978, sendo sepultada en Carballo ao día seguinte, tal e como anotou don Jesús García Gómez no marxe da súa partida bautismal. Velaí o labor dunha bergantiñá ilustre. 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico