O IES Parga Pondal comparte o seu modelo de convivencia con outros centros galegos

Posto do IES Parga Pondal na feira de ExpoCoruña
  • Este mércores, 13 de maio, a Praza do Recheo de Ponteceso deixará de ser un espazo de paso para converterse no gran escenario da identidade xuvenil de Bergantiños. Arredor de 300 mozos e mozas daranse cita no II Encontro Bergantiñán da Liga de Regueifa, unha iniciativa que medra en ambición e participación para demostrar que a cultura galega é un motor de diversión moderno e sen etiquetas.

Gústanos que QPC sexa un espazo para compartir experiencias (e reivindicacións) en materia de ensino. E tamén se convertiu nun lugar de aprendizaxe o II Foro de Educación, Formación e Emprego celebrado en Expo Coruña, no que participou o IES Isidro Parga Pondal de Carballo a pasada semana. Unha delegación de tres integrantes do Departamento de Mediación e cinco alumnos axudantes de 3º da ESO expuxeron o labor que o centro leva desenvolvendo durante máis de 20 anos.
Neste escaparate autonómico, os estudantes explicaron o impacto positivo da resolución pacífica de conflitos no día a día do instituto. A presenza no foro permitiu poñer en valor un modelo educativo que pon o foco no benestar emocional e na participación activa, demostrando que a convivencia e o éxito académico van da man.

Intercambio con Teo e Ferrol

En paralelo, o centro tamén acolleu unha xornada de intercambio co profesorado do IES de Cacheiras (Teo) e do CMUS Xan Viaño de Ferrol. Despois da visita da semana anterior a Ferrol, tocaba recibir, a golpe de pandeireta (a cargo de cinco alumnas da Asociación Raigañas de Malpica), as delegacións dos outros centros.

Mestres de Teo e Ferrol cos do IES Parga Pondal

 

Dende o centro destacaron o traballo que se realiza en materia de convivencia e xestión emocional. Durante o recreo, os docentes de Ferrol e Teo observaron o funcionamento dos patios dinámicos, unha proposta que organiza os descansos para fomentar a participación. O proxecto abarca dende o baile galego e a pandeireta ata o xadrez, as manualidades, a ilustración manga ou o coidado do horto escolar. A oferta complétase con radio escolar e actividades de debate, transformando o lecer nun espazo de aprendizaxe e inclusión.

Posteriormente, explicaron as ferramentas de xestión de conflitos, destacando a "aula da calma" para o control do estrés e a "aula de cambio". Esta última funciona como unha modalidade de expulsión interna onde o alumnado, en lugar de ser enviado ao seu domicilio, realiza as súas tarefas en aulas de 2º de Bacharelato, favorecendo a reflexión nun ambiente de maior madurez académica. O broche final puxérono os alumnos axudantes, que amosaron aos visitantes unha reunión de traballo real onde xestionan de forma autónoma as dificultades de convivencia entre iguais.

Encontro bergantiñán: Liga Escolar de Regueifa

E hoxe celébrase un encontro en Ponteceso, que non é un evento illado, senón o froito dunha intensa rede de traballo cooperativo entre o profesorado, o CFR da Coruña, o vibrante tecido asociativo da comarca e a partcipación dos concellos. Nesta edición, ademais do estudantado, o evento contará coa participación activa de alumnado vinculado a asociacións de referencia como Raigañas de Cerqueda, a Asociación Inllar de Ponteceso e Nemeth de Carballo, garantindo unha conexión real entre as aulas e a tradición viva que se transmite de xeración en xeración.

Os sete centros educativos que lideran esta rede son: o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), os tres institutos de Carballo (IES Parga Pondal, IES Alfredo Brañas e IES Monte Neme), o CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), o CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e o IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto, Camariñas).

 

Máis novas