O IES Isidro Parga Pondal viaxa pola historia do clima para fomentar o pensamento crítico entre o alumnado
Interesante e neesaria, a charla que recibiu o pasado venres o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Parga Pondal. O auditorio converteuse nun laboratorio de pensamento crítico coa charla “Viaxe pola historia do clima da Terra”, impartida polo investigador Armand Hernández. I é que o centro carballés etá moi preocupado pola formación científica nestes tempos de desinformación e superficialidade nas redes sociais.
Hernández, docente na Universidade da Coruña (UDC) e investigador no CICA, non se limitou a expor teorías, senón que amosou ao alumnado de 1º de Bacharelato as metodoloxías reais que utiliza a comunidade científica internacional. A través da análise das diferentes épocas da Terra, os estudantes descubriron como se pode "viaxar no tempo" para coñecer a composición da atmosfera de hai millóns de anos ou as causas reais de extincións masivas, como a dos dinosauros.
O foco principal da sesión estivo na perspectiva temporal. O alumnado aprendeu que a ciencia non se basea en anécdotas meteorolóxicas locais, senón en series de datos globais. Comprenderon que, aínda que nun punto xeográfico concreto se rexistren baixadas de temperatura, a tendencia do planeta é un quecemento acelerado sen precedentes se se analiza a escala correcta.
O valor do pensamento crítico e o método científico
A actividade, que tamén foi impartida previamente para 4º da ESO, busca que os mozos e mozas non sexan meros receptores de información, senón analistas. A importancia de analizar moitísimas variables antes de emitir un xuízo foi a lección transversal da xornada.
"O obxectivo é que o noso alumnado saiba distinguir entre un cambio natural do clima e o impacto actual da actividade humana, baseándose sempre na rigorosidade e na análise do coñecemento científico", sinalan dende o centro. "Queremos que saian de aquí con ferramentas para cuestionar noticias falsas e entender o mundo que os rodea con ollos críticos".
O IES Isidro Parga Pondal pretente facer moitas actividades complementarias que consigan formar e integrar a todo o alumnado para saír á vida diaria dun xeito máis autónomo. Neste caso, estas charlas son grazas a unha colaboración coa Concellaría de Innovación de Carballo e o grupo de investigación GRICA da UDC.
A diversidade de propostas que ofrece o instituto busca que o paso polo bacharelato sexa algo máis que unha preparación para un exame: unha etapa de crecemento intelectual e compromiso social. Con estas xornadas, o Parga Pondal volve demostrar que a educación pública en Carballo aposta pola excelencia e pola formación de cidadáns conscientes e informados ante o reto do cambio climático.
Máis novas do IES




