A Semana Cultural do IES Eduardo Pondal, un espazo de creatividade, implicación e aprendizaxe
A programación, organizada e coordinada polos diferentes departamentos didácticos, destacou pola súa amplitude, diversidade e carácter integrador, permitindo a participación de todo o alumnado. Ao longo destas catro xornadas, o centro transformouse nun espazo aberto á convivencia, ao intercambio de experiencias e á aprendizaxe activa, e o profesorado quere destacar a implicación directa do alumnado na organización dalgúns obradoiros, actuando como monitores e compartindo coñecementos adquiridos no seu día a día, especialmente no caso dos ciclos formativos.
Entre as actividades desenvolvidas, tiveron especial relevancia aquelas orientadas ao fortalecemento das competencias clave, coma o Canguro Matemático, o concurso Pasapalabra, o torneo de xadrez ou outras propostas de carácter lúdico-educativo. Todas elas contribuíron a potenciar o pensamento lóxico, a capacidade de resolución de problemas e o traballo colaborativo.
Os obradoiros volveron constituír un dos piares fundamentais da programación, cunha ampla oferta que incluíu actividades de costura, cestería, gravado, ioga, ecopercusión, elaboración de potingues no laboratorio ou toma de constantes vitais, entre outras. Tamén se desenvolveron propostas centradas na educación emocional e no benestar.
A estas iniciativas sumáronse outras de carácter innovador, coma o rally de pintura a cegas, as competicións de cambio de rodas, os karaokes en inglés ou diversas actividades de convivencia.
A conversa como ferramenta
A Semana Cultural acolleu múltiples charlas, faladoiros, demostracións e encontros arredor de cuestións de actualidade, como o uso responsable das redes sociais, a memoria democrática, a orientación laboral, a prevención de lesións ou a intelixencia artificial. Estas actividades desenvolvéronse en colaboración con numerosas entidades e institucións, entre as que destacan a UDC, a USC, VIEIRO, AGARESO, a Asociación Visibles, a Fundación CIEC, o CITIC, COGAMI, APEM ou Íntegro.
A programación contou tamén coa participación de destacadas figuras do ámbito científico, cultural e divulgativo, como Ángel Carracedo —quen protagonizou o xa imprescindible Café Científico—, Montse Fajardo, J.M. Monterroso, José Luis García Meniño, Ales Gándara ou Álex Ferradás, entre outros profesionais que achegaron ao alumnado a súa experiencia en distintos ámbitos do coñecemento.
Tamén fóra do centro
Coincidindo coa celebración da Semana Cultural, o alumnado de 1º de Bacharelato participante no programa Erasmus+ realizou unha viaxe a Rennes, mentres que o departamento de Francés organizou unha actividade de inmersión lingüística en La Rochelle, tamén en Francia, na que participou alumnado da materia, reforzando así a dimensión internacional e plurilingüe do centro.
Así mesmo, organizáronse diversas saídas e actividades fóra do centro, como a asistencia ao musical LÚA da Orquestra Sinfónica de Galicia, a participación na I Liga de Debate de Galicia ou rutas ambientais como a da enseada da Insua. A programación completouse con propostas singulares como monólogos ou proxeccións comentadas, que contribuíron a enriquecer a experiencia global do alumnado.
A XXIV Semana Cultural conclúe cun balance moi positivo, reafirmando o compromiso do centro cun modelo educativo integral, participativo e conectado co seu contorno.
Cun balance moi positivo, reafirmando o compromiso do centro cun modelo educativo integral, participativo e conectado co seu contorno, o centro inicia xa a preparación da próxima Semana Cultural, unha edición que terá un carácter especialmente significativo ao coincidir co 25 aniversario desta iniciativa.





