O IES Parga Pondal intercambia de experiencias pedagóxicas con centros de Ferrol e Teo
O profesorado do IES Parga Pondal de Carballo iniciou esta semana unha serie de xornadas de observación compartida dentro do programa Observa-Acción da Consellería de Educación. Esta iniciativa busca que diferentes centros educativos galegos establezan redes de colaboración para analizar e mellorar os seus métodos de traballo.
Nesta edición, o instituto carballés está emparellado co Conservatorio de Música de Ferrol e o IES de Cacheiras (Teo). Tras unha primeira toma de contacto celebrada hoxe 29 de abril en Ferrol, o vindeiro xoves o Parga Pondal será o centro anfitrión, mentres que o día 19 de maio a delegación de docentes desprazarase ata Cacheiras para pechar o ciclo.
Un espazo para a observación e a aprendizaxe mutua
A finalidade deste programa non é a avaliación externa, senón a aprendizaxe entre iguais. O obxectivo é que os docentes poidan entrar noutras aulas, observar dinámicas distintas e reflexionar sobre a súa propia práctica diaria. "Trátase de abrir as portas do centro para ver outras realidades e, ao mesmo tempo, deixar que outros miren o que facemos nós con ollos críticos e construtivos", sinalan desde o equipo participante do Parga Pondal.
Na súa estancia no CMUS Xan Viaño de Ferrol o profesorado carballés observaron clases de linguaxe musical, clarinete, piano, quitarra, o ensaio conxunto do PequeCoro e asistiron ao Concerto de Música de Cámara do profesorado. Con todo iso analizaron as diferenzas e similitudes co seu centro de secundaria e ver como poder extrapolar coñecementos e actividades.

Convivencia e inclusión: a proposta carballesa
Durante a visita da vindeira semana, o IES Parga Pondal compartirá co profesorado de Ferrol e Teo as liñas de traballo que veñen desenvolvendo en materia de convivencia e inclusión, dous dos piares que definen a identidade do centro:
-
Patios Dinámicos: O centro amosará como tentan diversificar o tempo de lecer para que sexa un espazo de integración. A través de obradoiros como o de Manga, a horta escolar, a percusión ou a música tradicional (pandeireta e baile), buscan ofrecer alternativas que se adapten aos distintos intereses do alumnado.
-
A Mediación como ferramenta veterana: Outro dos puntos de interese será o modelo de mediación escolar. Con máis de 20 anos de traxectoria no centro, este sistema busca que sexa a propia comunidade educativa a que resolva os seus conflitos de xeito dialogado. É unha aposta pola autonomía do alumnado que, tras dúas décadas de rodaxe, segue sendo un dos eixes fundamentais da vida no instituto.