sábado. 15.03.2025
El tiempo

Imende acolle unha xuntanza para elaborar o plan especial de Pedra do Sal

Imende acolle unha xuntanza para elaborar o plan especial de Pedra do Sal
Co fin de que a veciñanza participe no plan especial da Pedra do Sal, o concello de Carballo convídaa a asistir este venres a unha xuntanza de carácter técnico. Na sesión, na que participará a empresa redactora do plan especial, Monteoliva Arquitectura, celebrarase a partir das 19:00 horas no centro social de Imende (Noicela) e terá unha duración aproximada de hora e media. O veciños tamén poden facer as súas achegas, tanto para este plan como para o de Arnados-Razo, a través da canle aberta na páxina web municipal. O obxectivo de todas estas accións de participación é acadar “unha construción colectiva e multidisciplinar entre os distintos axentes implicados no plan, baseada nun entendemento compartido da realidade, das necesidades e posibilidades do territorio, e, deste xeito, dar respostas adecuadas e sustentables, dentro da protección dos valores e das limitacións ambientais e sectoriais”, explican desde o equipo redactor. Con esa intención, desde a concellaría de Planificación e Desenvolvemento Urbano, que dirixe Milagros Lantes, faise un chamamento á participación de todas as persoas e entidades que queiran colaborar na consecución da mellor ordenación posible. Os plans especiais están previstos na Lei do Solo de Galicia como instrumentos urbanísticos orientados a “protexer ámbitos singulares, levar a cabo operacións de reforma interior, coordinar a execución de dotacións urbanísticas e protexer, rehabilitar e mellorar o medio rural”. No caso concreto da Pedra do Sal, xa no Plan de Ordenación do Litoral (POL) coma no Catálogo das Paisaxes de Galicia se incide na necesidade de mellorar unha serie de aspectos deste asentamento relacionados coa calidade ambiental, natural, paisaxística e urbana do mesmo a través dunha “área de recualificación” que aparece definida no PXOM como o “Plan especial de ordenación do núcleo rural de Pedra do Sal e protección do seu entorno”. O ámbito do plan abrangue o núcleo de Pedra do Sal e a urbanización O Pinar, en contacto directo coa lagoa e a praia, e afecta tanto ao solo de núcleo rural común como a áreas de solo rústico de protección de costa e espazos naturais. Con este documento urbanístico trátase, ademais de cumprir o establecido no POL, de preservar a paisaxe e os espazos naturais da zona de Baldaio; protexer, rehabilitar e mellorar os elementos característicos da arquitectura da zona; ordenar a edificación no núcleo de Pedra do Sal, completar e ordenar as dotacións, os accesos e redes de servizos; ordenar sen edificar os terreos baleiros en zona de servidume do dominio público marítimo-terrestre; ordenar os usos e actividades, así como a mobilidade e accesibilidade as praias, desenvolver a senda litoral prevista no PXOM e establecer accións de recuperación medioambiental e paisaxística para as zonas degradadas. Novas relacionadas Fonte

Comentarios