Venres. 26.04.2024
El tiempo

Íntegro "chequea" a accesibilidade en Carballo

chequeo-accesibilidade-carballo-integro
Un grupo de usuarias e usuarios de Íntegro percorreron algunhas das rúas de Carballo para comprobar a súa accesibilidade
Íntegro "chequea" a accesibilidade en Carballo

Coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, promovida polo Concello de Carballo, un grupo de usuarios e usarias da Asociación Íntegro fixeron un "chequeo á accesibilidade" no centro urbano carballés. En concreto comprobaron as as obras realizadas na contorna do balneario e examinaron outras zonas nas que aínda non se ten actuado. No percorrido participaron o concelleiro de Mobilidade do Concello de Carballo, Juan Seoane, e a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís. Dende Íntegro valorouse moi positivamente a actuación no ámbito dos Baños Vellos, tanto dende o punto de vista da accesibilidade como, mesmo, dende o estético.

O percorrido incluíu tamén rúas dos barrios da Braña e do Hospital, nas que, aínda que existen rebaixes nas beirarrúas, non se adaptan á normativa actual ou, como no caso da rúa Ecuador, carecen de treitos de beirarrúas por estar incluídas en polígonos urbanos pendentes de desenvolver por parte das persoas propietarias. O Concello de Carballo realizará un proxecto para intentar actuar nestas zonas, avanzando deste xeito no longo camiño que aínda queda para conseguir a accesibilidade universal. Dende Íntegro valorouse especialmente o esforzo que está a facer o Concello de Carballo, que puxeron como exemplo dentro do seu ámbito de influencia, que é a Costa da Morte.

Nos últimos anos o Concello de Carballo levou a cabo unha reurbanización integral en 40 rúas do centro urbano e construiu 18 quilómetros de sendas peonís totalmente accesibles. E tamén se acometeron varios proxectos de mellora da accesibilidade urbana mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas. 

Máis actividades

Esta foi unha das actividades incluídas na programación da Semana Europea da Mobilidade artellada polo Concello de Carballo e que chegará á súa fin este venres. 

Durante esta semana as actividades concéntranse nos colexios públicos de primaria, onde se está presentando o xogo de mesa Cicl-Ando Carballo. Dende martes ata o venres realizaranse nos colexios Fogar, A Cristina, Xesús San Luís Romero, Bergantiños, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Canosa-Rus sesións co alumnado para dar a coñecer o mecanismo do xogo, que se compón dun circuíto que deben percorrer os/as participantes (as fichas son figuras de peóns de cores) ata chegar á meta final, pero para iso deberán ir respondendo ás preguntas ou realizando as probas correspondentes a cada casiña, sempre relacionadas coa mobilidade sostible.

Ademais de dar a coñecer as instrucións, o persoal encargado da difusión do xogo entregará un exemplar a cada centro polo que vaia pasando para que poidan seguir practicando durante o curso.

Pero tamén seguen as actividades na rúa. Onte á tarde volveu á Praza do Concello o circuíto de seguridade viaria para nenos e nenas para aprender coa Policía Local as normas básicas de circulación. E ademais instaláronse dúas mesas para que nenos e nenas e persoas adultas coñeceran o xogo de mesa Cicl-Ando Carballo.


E todas as persoas que acudan hoxe á feira en bici entregaranlles un lote de produtos relacionados coa mobilidade.

Comentarios