Lara Mantiñán: “As familias de pacientes oncolóxicos poderán obter información de primeira man para afrontar enfermidades graves”
- A presidenta de ASARGA anima a acodir ao ciclo de talleres que organizan estes días en Carballo
Innumerables familias temos na comarca con enfermidades graves ao seu arredor. Precisamente para elas, para axudarlles e darlles ferramentas para afrontar esta loita, ASARGA, a Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial, en colaboración co Concello carballés, organiza esta fin de semana o I Ciclo de Obradoiros de Benestar e Saúde en Carballo.
Durante este venres 16 e sábado 17, a Biblioteca Rego da Balsa acollerá estas citas que abordarán a tramitación das posibles axudas sociais, o aspecto psicolóxico e o exercicio físico en persoas con enfermidades graves como os sarcomas, o tipo de cancro que visibilizan desde ASARGA.
A presidenta da entidade Lara Mantiñán Búa, anima ás familias de pacientes oncolóxicos como achegado a participar nestes tallers porque “poden obter información de primeira man de grandes profesionais, nos ámbitos da psicoloxía, traballo social, deporte e medicación. Vai ser un evento moi completo e cargado de actividades, moi beneficioso para a comunidade”, asegura.
Programa
O venres 16, de 17:00 a 18:00 celebrarase a charla informativa “Trámites en discapacidade, dependencia e incapacidade, en que consisten e como solicitalos”. Laura Cobelo, traballadora social de ASARGA, estará a cargo deste relatorio.
De 19:00 a 20:00, a psicóloga Fany Xesto impartirá o taller “Como afrontar diagnósticos de enfermidades graves”.
O sábado, 17 de decembro, os talleres celebraranse no segundo piso do Mercado Municipal, situado na praza do Concello. A primeira cita será ás 10:00 cun taller de ioga a cargo de Segundo Rego, profesor de ioga tibetano e meditación.
Ás 12:00, os asistentes poderán gozar dun concerto meditativo tibetano. Entre ambos os eventos, ASARGA ofrecerá un almorzo para os asistentes.
ASARGA entregará un detalle a todas as persoas que participen neste ciclo de talleres. A inscrición é gratuíta, previa confirmación de asistencia no correo electrónico [email protected].
Ademais de apoiar o traballo de ASARGA, coa compra das súas sudaderas, bolsas, pulseiras, libros ou pañoletas, entre outros produtos, impúlsase tamén o talento novo.