Medio cento de veciños e veciñas de L'Isle Jordan visitan Carballo no seu 23º aniversario de irmandamento
08:09 25/10/17
lisle-carballo
Estes días están de visita por Carballo medio cento de veciños e veciñas de L’Isle Jourdain, o lugar francés irmandando coa vila carballesa. Chegaron o luns pola tarde para os vindeiros días teñen preparado un programa de actividades moi completo. A Coruña, Malpica, Corme, Laxe, Santiago, Noia e Muros son as principais localidades que visitarán ao longo da semana, pero o centro da actividade está en Carballo, onde non so conviven con familias do municipio, senón que tamén participan en diferentes actividades. Mañá xoves será o día carballés por excelencia, con visita guiada polos murais de Derrubando Muros con Pintura, paseo e compras polo mercado, microfestival de teatro no Pazo da Cultura e festa de despedida, xa que o
venres pola mañá partirán da Praza do Concello rumbo a terras galas.
A expedición - que está encabezada por tres concelleiras e a presidenta do comité de irmandamento francés - foi recibida pasadas as 18:30 horas do luns no salón de plenos. O alcalde - Evencio Ferrero - e representantes dos grupos municipais do BNG e o PP acompañaron aos veciños e veciñas do pobo irmán nun acto marcado nuns casos pola emoción do reencontro entre familias que xa de coñecen de intercambios anteriores e noutros pola novidade, xa que para moitos e moitas dos participantes é a súa primeira estancia no concello.
Convite
A delegación francesa aproveitou o acto para facer un convite á cidadanía de Carballo a participar o vindeiro ano na festa occitana Escolta e Minja, que coincidirá cos últimos días do San Xoán, e desexou longa vida ao irmandamento. Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou a hospitalidade da veciñanza carballesa, un dos aspectos que fan que Carballo sexa un bo lugar para vivir.
O acto rematou cun intercambio de agasallos, unha interpretación musical cunha gaita occitana e a foto de familia nas escaleiras da Casa do Concello.
Novas relacionadas
- 47 carballeses volven de intercambio a L’Isle Jourdain
- Relevo xeracional no Comité de Irmandamento de Carballo con L´Isle Jourdain
- O III Festival de Variétés encheu de maxia e espectáculo o Pazo da Cultura de Carballo.
- Carballo mantén vivo o seu irmandamento francés tras 21 anos.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo