Venres. 29.03.2024
El tiempo

Miguel Anxo Fernán Vello impartirá un curso de poesía no Espiral Maior Foro

Miguel Anxo Fernan Vello e Rosalia Fdez Rial en Corcubion
Miguel Anxo Fernán Vello xunto con Rosalía Fdez. Rial nun acto en Corcubión
Miguel Anxo Fernán Vello impartirá un curso de poesía no Espiral Maior Foro

Máis vida para o activísimo espazo Espiral Maior Foro de Carballo. Ademais das constantes presentacións e o "Clube de Lectura”, Miguel Anxo Fernán Vello vén de anunciar que impartirá un Curso/Taller de poesía.

Un curso que terá como “obxectivo, a través de leccións e reflexións de carácter teórico e sesións de carácter práctico, adentrarse no coñecemento da textualidade poética, na interpretación en profundidade da poesía e nas múltiples posibilidades creativas que o xénero poético ofrece”.

O Taller terá unha duración total de 16 horas e as clases impartiranse no local de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34, baixo) todos os martes en horario de 20:00 a 22.00 h., tendo lugar a inauguración o martes 22 de marzo e a clausura o martes 10 de maio.

As persoas asistentes ao Curso/Taller de Poesía, que deberán formalizar a súa asistencia a través dunha “matrícula”, recibirán 5 libros de autores galegos e universais contemporáneos por participante e á fin do mesmo obterán un Diploma acreditativo, así como a súa inclusión nun libro especial con poemas dos participantes que será editado por Edicións Espiral Maior. O Taller está aberto a todas as persoas interesadas a partir dos 16 anos en adiante.

Para formalizar a matrícula, inscrición e obter toda a información necesaria sobre o Curso de Poesía as persoas interesadas poden dirixirse a Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34) ou ben a través do teléfono da entidade 628 690 292.

CV

Miguel Anxo Fernán Vello é director de Edicións Espiral Maior, editora especializada en poesía, con máis de 400 títulos publicados neste xénero e asentada en Carballo dende finais do ano 2021. Miguel Anxo Fernán Vello, autor de 15 libros individuais de poesía, foi traducido, entre outros idiomas, ao francés, español, inglés, alemán, italiano, polaco, ruso e árabe. Premio Nacional da Crítica Española en dúas ocasións, foi tamén Premio Esquío, Martín Códax, Celso Emilio Ferreiro, Miguel González Garcés, Xacobeo de Poesía da Xunta de Galicia, Federación de Libreiros de Galicia e Asociación de Escritores en Lingua Galega, entre outros. Participante nos máis importantes Festivais de Poesía que teñen lugar en Europa e América, ten impartido cursos, conferencias e talleres de poesía en espazos como Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Fundación Paideia ou Biblioteca Uxío Novoneyra de Culleredo, así como en diversas universidades españolas e europeas.

Novas relacionadas

Comentarios